InicioSociedadeInvestigadores da UVigo desenvolven unha tecnoloxía para atención en Urxencias a persoas...

Investigadores da UVigo desenvolven unha tecnoloxía para atención en Urxencias a persoas xordas

O proxecto probarase nunha contorna real, no servizo de Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro

PUBLICADO O

- Advertisement -

Investigadores de atlanTTic (Universidade de Vigo) desenvolveron unha tecnoloxía para a atención en Urxencias a persoas xordas, a través dun dicionario multiplataforma con termos de saúde en lingua de signos.

O proxecto, denominado SignaMed e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), está coordinado polo catedrático da Escola de Enxeñaría en Telecomunicación José Luís Alba, e este mércores presentáronse os seus resultados no campus vigués.

Nese acto, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel do Pozo, referiuse a SignaMed como un proxecto “innovador, ilusionante e colaborativo”, porque se abre a un campo ata agora inexplorado, é froito dun equipo multidisciplinar e facilita ao colectivo de persoas xordas o acceso a algo tan importante como a información médica. “SignaMed é moito máis que un dicionario de saúde en lingua de signos, é unha ferramenta de inclusión e de empoderamiento das persoas xordas”, destacou.

O responsable do proxecto explicou que o dicionario contén máis de 300 signos relacionados coa saúde e 231 definicións en lingua de signos, consultables tanto en texto como signando fronte á cámara web ou do móbil. “O último modelo dispoñible recoñece cun acerto do 94 % uns 120 signos e variantes e, aos poucos, iranse integrando os restantes”, explicou José Luís Alba.

O dicionario foi desenvolvido con axuda da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e con cooperación de colaboradores e colaboradoras anónimos da comunidade xorda. No marco de SignaMed producíronse seis ‘pílulas’ divulgativas para explicar a tecnoloxía de intelixencia artificial desenvolvida e lanzáronse tres competicións para facer a participación máis entretida.

SIGNASALUD

O equipo de expertos leva meses traballando xa na continuación de SignaMed, cun novo proxecto financiado con cargo aos Fondos Next Generation. Bautizado como SignaSalud, o traballo consistirá na posta en marcha dunha proba piloto nunha contorna real, no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

“Empregarase a plataforma desenvolvida en SignaMed para solicitar a cooperación da comunidade xorda signando frases en lingua de signos para ese dominio de aplicación”, explicou Alba. A previsión é realizar a proba a finais de 2024, con colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas, o Sergas e a empresa Balidea.

ÚLTIMAS

Un erro ao alimentar unha caldeira de leña con carbón provoca unha intoxicación por monóxido de carbono en Oia

Unha persoa foi trasladada ao Hospital de Povisa, en Vigo, con síntomas de intoxicación...

Así será a Cabalgata dos Reis Meigos de Vigo: 11 carrozas e moita fantasía

A Cabalgata dos Reis Meigos de Vigo sairá o luns sobre as 18.00 horas...

Vigo repartiu en 2025 máis de 3.500 axudas de emerxencia para atender a 8.870 persoas

O Concello de Vigo outorgou no ano 2025 un total de 3.548 axudas de...

O PP vigués acusa a Caballero de dar un “golpe fiscal” tras pechar 2025 con 200 millóns de remanentes

O grupo municipal do PP en Vigo denunciou o "machadazo fiscal" que levará a...