O alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu de que esixirá á nova Deputación de Pontevedra, que gobernará o PP, “o mesmo trato” á cidade que o dispensado pola anterior presidenta da institución provincial, a socialista Carmela Silva, e lanzou unha advertencia: “Que abandonen calquera tentación de castigar á cidade, porque terán unha inmensa resposta. Este é o meu aviso”.
En declaracións aos medios tras acompañar aos deputados provinciais socialistas polo partido xudicial de Vigo á recollida de credenciais na Xunta Electoral, o rexedor olívico subliñou que a Deputación debe dar á cidade, e ao resto de municipios, o mesmo trato que tiñan ata agora. “Esiximos o tratamento ao que temos dereito”, proclamou.
“Non depende da discrecionalidade dun presidente, dun grupo político maioritario, depende da situación obxectiva”, sinalou Abel Caballero.
O rexedor olívico, recoñeceu que o PP gañou “democraticamente” a maioría para gobernar a Deputación. “Felicitámolos, pero que non teñan ningunha tentación de tentar castigos partidarios, porque terán uhna resposta cidadá que nin se imaxinan”, resolveu.
DAVID REGADES E CARMELA SILVA
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG na provincia e candidato ao Congreso, David Regades, proclamou que os 9 deputados e deputadas provinciais socialistas serán “a garantía” de loita para manter as políticas dos últimos 8 anos.
Así, subliñou que, nos dous últimos mandatos, a Deputación levou a cabo iniciativas que “transformaron” a provincia, que foi “máis transparente” e con infraestruturas e investimentos que chegaron “aos 61” concellos. “Hoxe o que empezamos é o camiño dese control e desa garantía de que todo ten que seguir funcionando da mesma forma, con transparencia, con participación e con igualdade para todos os concellos”, apostilou.
Mentres, a aínda presidenta da Deputación en funcións, e candidata ao Senado, Carmela Silva, tamén insistiu na idea de que o grupo provincial socialista será a “garantía” de que se mantén “un modelo” que ten como premisa asegurar os dereitos e servizos a todos os cidadáns “vivan onde vivan”.
“Durante 8 anos cambiouse de arriba a abaixo a Deputación, un xiro de 180 graos”, defendeu, e engadiu que esa transformación se fixo “con criterios obxectivos”, “sen un euro de libre designación” da Presidencia, e “con máis recursos que nunca”.
Silva aseverou que os deputados e deputadas socialistas “van defender ese modelo”, que foi “referencia en toda Galicia e en toda España”. “Sen ánimo de ofender a ninguén, creo que imos ser o grupo que de verdade vai defender os 61 concellos da provincia de Pontevedra. Así que iniciamos un traballo apaixonante de defensa dos dereitos das persoas”, recalcou.