InicioPolíticaPontón pide concentrar no BNG de Vigo o "voto incorformista e rebelde"...

Pontón pide concentrar no BNG de Vigo o “voto incorformista e rebelde” que supere “ao candidato do meme”

Augura que os nacionalistas obterán un "resultado espectacular" na urbe olívica

PUBLICADO O

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este xoves un chamamento en Vigo a concentrar “o voto incorformista e rebelde”, que quere outro modelo de cidade, na candidatura nacionalista que encabeza Xabier Pérez Igrexas.

Así, proclamou que a cidade olívica “merece moito máis que a confrontación inútil, ridícula e partidista de PP e PSOE”, que lle fai “perder oportunidades” e “empeora a vida dos veciños”. Pontón subliñou que o vindeiro domingo é a “oportunidade de dicir xa abonda” optando polo proxecto de futuro do BNG.

A líder nacionalista insistiu en que “sempre que o BNG foi decisivo” no Concello, fixo avanzar a Vigo, unha cidade que necesita “un proxecto que poña ás persoas no centro, con mellores servizos públicos, máis sustentable, con máis oportunidades e máis xustiza social”. Así mesmo, recalcou o papel que debe xogar a cidade como motor económico e industrial de Galicia.

“O futuro de Galicia para polo futuro de Vigo, por que esta cidade recupere o pulso perdido e no BNG temos proxectos político, liderado e equipo para conseguilo”, incidiu, e trasladou o seu convencemento de que o BNG obterá un “resultado espectacular” na cidade.

Na súa intervención, a portavoz nacional do BNG fixo un chamamento á mobilización nas urnas de todos os galegos, especialmente dos mozos, que deben ser “motor de cambio para pór en marcha unha nova Galicia que pense na xente nova”. Para Pontón, é o momento de votar ao BNG, que demostrou ter un “modelo de éxito”, fronte a un PP “desnortado e esgotado”.

Nese sentido, lembrou que o 28M debe ser tamén un momento de “rexeneración democrática” para que os cidadáns expresen a súa “indignación” nas urnas ante os que pensan “que poden utilizar as institucións coma se fosen súas”.

“FACER POSIBLE O QUE É NECESARIO”

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, chamou a “facer posible o que é necesario”, apoiando ao BNG para que sexa “determinante nas transformacións que necesita a cidade”, e así deixar atrás “esta etapa gris e acartonada, que reduciu a política municipal a varrer de promesas incumpridas”.

Pérez Igrexas apostou por un Vigo que vaia “máis aló” e supere ao “candidato do meme e a candidata dos ‘selfies’, que só poden ofrecer máis do mesmo”, por unha cidade máis verde e habitable, sustentable, socialmente xusta e que “volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galicia”, e que “se referencie como vangarda cultural”.

O candidato reivindicou o valor do voto ao BNG en Vigo fronte a quen pretenden desmovilizar “dicindo que non se pode facer nada e que o resultado está xa escrito”. Segundo apuntou, o voto nacionalista “vale dobre” porque permitirá cambiar o rumbo das políticas municipais e porque é “o voto que máis lle doe ao PP, que leva 14 anos castigando a Vigo desde a Xunta”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...