Caballero acusa á Xunta de mentir ao non autorizar ata agora a retirada do emisario de Samil

Portos di que o concello terá que correr con todos os gastos.

Praia de Samil / EUROPA PRESS - Arquivo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que as obras de retirada o antigo emisario da depuradora en Samil terán “prioridade”, unha vez que o Concello xa recibido a “autorización” para os traballos por parte da Autoridade Portuaria.

Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico acusou á Xunta de “mentir” tras afirmar que o Concello non necesitaba o permiso de Augas de Galicia para acometer esas obras, xa que a competencia é da demarcación provincial de Costas, dependente do Goberno central.

Abel Caballero asegurou que o pasado venres o Porto enviou á administración municipal o permiso para as obras, advertindo de que debe elaborar o proxecto. “Non o temos feito, porque a Xunta quixo que chegásemos a eleccións”, denunciou o alcalde, que hai uns días criticou que o Concello leva semanas esperando polos permisos e tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como a candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias deran “instrucións directas” para impedir a retirada do vello emisario.

Mentían cando dicían que non necesitabamos autorización. Si, necesitámola, e aínda nola deron o venres pasado”, reiterou Abel Caballero.

COMUNICACIÓN DO PORTO

O Porto de Vigo respondeu o Concello de Vigo lembrando que a súa petición de permiso de febreiro estaba á espera dun informe de compatibilidade coa estratexia mariña, un informe que chegou ao organismo portuario o 19 de abril pasado, e que é favorable coa condición de que se cumpran uns requisitos, establecidos pola Dirección Xeral da Costa e o Mar.

Ademais deses requisitos, a Autorida Portuaria comunicou que non ten inconveniente en informar favorablemente a retirada do vello emisario, sempre que se cumpran outras condicións (ademais das sinaladas pola Dirección Xeral): as obras corren por conta do Concello, que terá que asumir calquera dano ou prexuízo causado; cando acaben os traballos deberán repor a zona ao seu estado orixinal; e deberá adoptar todas as medidas preceptivas en materia de seguridade das obras, entre outras cuestións.