InicioSociedadeA UVigo pon "cara" ás investigadoras galegas

A UVigo pon “cara” ás investigadoras galegas

Pon en marcha o programa 'A ciencia que vén ten nome de muller", un proxecto no que se tenta poñer en valor o papel da muller na ciencia e na investigación.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ abrirá as súas portas, por segundo ano consecutivo, o vindeiro 21 de abril na praza do Berbés, estendendo as súas actividades ao edificio Redeiras, onde se celebrará unha conferencia, e ao planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, cunha visita guiada. Logo do éxito acadado na primeira edición, na que tomaron parte 400 persoas, o recinto da feira, que se instalará na praza do Berbés, coa finalidade de fomentar as vocacións científicas e investigadoras, dando a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nas universidades, nomeadamente o das investigadoras da UVigo, acollerá este ano unha ducia de postos, 10 sobre proxectos, grupos e centros de investigación da universidade, un da Unidade de Igualdade da UVigo e outro informativo sobre a Deputación de Pontevedra.

Na presentación da expo-feira, as vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, incidiron no carácter lúdico da iniciativa, coa que a UVigo pretende seguir achegando a ciencia á sociedade dun xeito accesible e divertido. “Neste tipo de eventos, dirixidos a un público familiar, tamén queremos poñer cara ás nosas investigadoras menos recoñecidas e amosar o que a UVigo está a facer”, explicou Valderrama, que animou á cidadanía a participar na feira “tocando e experimentando”. Neste sentido, Belén Rubio lembrou que a Ley de la Ciencia contempla especificamente no seu artigo 37 unha referencia á ciencia aberta, co obxectivo de “que a xente saiba que facemos na universidade”.

Ambas as dúas vicerreitoras destacaron o impacto que accións como a expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ teñen no grao de coñecemento que a sociedade ten a Universidade de Vigo. “Estes labores de difusión levan anos e esta feira celebrará a semana que vén a súa segunda edición, moi centrada no papel da muller na ciencia que é moi importante. Pero esta é unha carreira moi longa”, dixo Rubio, que tamén destacou a importancia de traballar coas nenas desde que son pequenas para fomentar a vocacións científicas, amosándolles referentes, a través de iniciativas como as charlas que investigadoras da UVigo imparten en centros de primaria e secundaria de toda Galicia. “As influencers non son científicas, aínda que xa hai algunhas que o están a facer”, sinalou Mónica Valderrama, que lembrou outras iniciativas postas en marcha desde a UVigo, como as publicacións da colección Quero ser investigadora, as xornadas de portas abertas dos centros de investigación e iniciativas pioneiras como a docencia cero para o PDI que se reincorpora á actividade logo dunha baixa de maternidade.

s vicerreitoras de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, na presentación do programa ‘A ciencia ten nome de muller” / remitida pola UVigo

SAÚDE, MEDIO AMBIENTE, PATRIMONIO OU TECNOLOXÍA

‘De Galicia ao espazo; Realidade virtual e realidade aumentada’ ou ‘A importancia das algas microscópicas mariñas’ son os títulos dalgúns dos obradoiros que entre as 16 e as 19.30 horas se desenvolverán na praza do Berbés, que ademais contra o mediodía recibirá a visita de escolares e 5º e 6º de primaria dun centro educativo da contorna. Tanto o alumnado, como o público que pola tarde visite a expo-feira poderá somerxese, da man das e dos investigadores da UVigo, a través de obradoiros e experimentos en ámbitos como o medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía ou o patrimonio, as liñas temáticas elixidas para estas edición do evento.

As actividades de ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ completaranse coa conferencia que a partir das 19.15 horas impartirá a investigadora en evolución do cancro do Cinbio da UVigo, Nair Varela Rouco, que fará un percorrido por historias de mulleres relevantes no campo da investigación. Pola súa banda, o Instituto Marítimo Pesqueiro organizará, a partir das 16.00 horas, unha visita ao planetario, guiada polo capitán da Mariña Mercante Adolfo García Campos. Esta actividade ten un aforo limitado a 40 persoas, polo cómpre que os interesados realicen unha reserva.

A expo-feira insírese no programa de actividades 2022-2023 de Ciencia de ida e volta, o plan anual da Unidade Cultura Científica (UCC) da UVigo, que conta cun orzamento de 128.000 euros sufragado con fondos propios e cunha achega da FECYT de 11.000 euros, o que supón un incremento do 29% con respecto ao orzamento de 2021/2022. Formación para o PDI ou as actividades desenvolvidas o 11F co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena e a Ciencia, son algunhas das accións que xa se levaron a cabo este curso ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta.

a Expo-feira científica “A ciencia que vén ten nome de muller” estará durante a tarde do venres 21 de abril na praza do Berbés . Toda a información aquí.

ÚLTIMAS

Un vehículo choca con outro e resulta envorcado en Vigo

O barrio vigués de Teis rexistrou na mañá deste venres un accidente de tráfico,...

Abel Caballero asegura que pedirá a Sánchez adiantar os prazos do AVE Vigo-Oporto, porque seguirá “defendendo a Vigo contra quen faga falta”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, botou en cara ao xefe do Executivo central, Pedro...

Detidos os dous supostos autores dun roubo nunha empresa de enxeñaría de Teis, facéndose con material por valor de 21.000 euros

A Policía Nacional detivo en Vigo aos dous supostos autores dun roubo con forza nunha empresa...

Ciencia en galego, Youtubeiros científicos e os perigos das Fakenews no ciclo ‘Ciencia de ida e volta’

Coa celebración do Día da Ciencia en Galego e dos días mundiais da Vida Silvestre,...