InicioPolíticaO goberno local esixe "desculpas" á Xunta por estar "contra o Nadal...

O goberno local esixe “desculpas” á Xunta por estar “contra o Nadal de Vigo” e a oposición fala de “vergoña”

Caballero culpa a Rueda de "exacerbar a posición antiVigo de Feijóo"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno local de Vigo aprobou este mércores en solitario unha moción presentada polo seu grupo no Pleno municipal, na que insta á Xunta de Galicia e “aos seus cargos políticos” a “desculparse publicamente” coa cidade por desenvolver ” unha campaña contra o Nadal de Vigo de 2022″.

Así, o portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, foi o encargado de defender esta proposta, que foi apoiada polos edís do PSOE, mentres que BNG e PP votaron en contra, e Marea de Vigo abstívose.

López Font sinalou que a campaña do Nadal da cidade é un “feito excepcional”, que “traspasou fronteiras” e cuns datos “incuestionables”, que resumiu en 5,4 millóns de visitas e 1.000 millóns de euros de retorno económico para “todos os sectores” de Vigo, así como beneficios tamén para a provincia e para o resto de Galicia.

Sen especificar máis datos, o concelleiro socialista asegurou que o goberno local tivo que “loitar contra campañas” que comparou con “rochas que quixeron facer encallar o buque de Vigo”. “Non había máis que ver as indisimuladas caras de satisfacción dalgúns cando chovía”, aseverou, á vez que volveu a denunciar que o Concello non contou co apoio institucional da Xunta esta campaña.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Os grupos da oposición responderon a esta moción con críticas duras, nas que cualificaron de “vergoña” a proposta do grupo de goberno.

Así o trasladou o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que tachou a moción de “insulto á intelixencia”, unha proposta de “propaganda” con datos que “non se cren” nin os membros do goberno, e instou a desenvolver campañas do Nadal nas que non se “vandalice” o patrimonio público.

Na mesma liña, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, afirmou categoricamente que presentar esta moción é “chamar imbécil aos vigueses”, e cuestionou os datos de visitas e retorno económico, proclamados polo alcalde, “sen ningún informe nin documento obxectivo”.

Finalmente, o portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, sinalou que a moción do grupo de goberno é unha “manobra” para pór á cidade contra os ‘populares’, mentres que evita pronunciarse sobre as cuestións realmente importantes.

OUTRAS MOCIÓNS

Na sesión plenaria deste mércores, a Corporación tamén aprobou outras mocións, como a enésima proposta presentada polo PSOE para esixir á Xunta que salde a “débeda histórica” coa cidade, e que contou cos votos favorables dos edís socialistas, a abstención de BNG e Marea, e o voto contrario do PP.

Tamén se aprobaron mocións socialistas para instar á Xunta a cooperar economicamente na construción da nova potabilizadora da cidade, ou unha proposta para pedir ao goberno galego que constrúa dúas novas escolas infantís e que sufrague o servizo de atención educativa e comedor das escolas infantís municipais.

Por contra, foron rexeitadas as mocións dos grupos da oposición: unha do PP pedindo unha auditoría e explicacións sobre a morte de animais en Vigozoo, unha de Marea solicitando a creación dun observatorio da contratación do Concello, e unha do BNG que reclamaba medidas urxentes ante o problema de vivenda na cidade.

CABALLERO: “RUEDA EXACERBOU A POSICIÓN ANTIVIGO DE FEIJÓO”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores que o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “exacerbou” a “posición antiVigo” que mantiña o seu predecesor no goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e censurou que a administración autonómica non transfire aos municipios, polo menos non ao olívico, os fondos europeos que recibe vía Goberno de España.

Así, explicou que puido constatar que, ademais do Goberno de España, as Comunidades Autónomas están a transferir aos concellos eses fondos da UE, mentres que a Xunta “é unha das Comunidades Autónomas que menos convocatorias fai” para as administracións municipais.

Como exemplo, sinalou que o goberno galego destina fondos europeos ao Porto da cidade, pero “nin un céntimo” desas axudas á cidade, dirixida por un goberno “democraticamente elixido”. “É unha visión sectaria e un uso partidista dos recursos da UE”, aseverou o rexedor.

Por contra, sinalou que o Executivo central si que contou con Vigo na repartición deses fondos e asignoulle, para actuacións en diferentes ámbitos, ao redor duns 50 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Morre unha muller tras esborrallarse en pleno centro de Vigo

Unha muller de 56 anos de idade, M.A.S.M.,  faleceu na mañá deste venres en...

Tenta tirar pola xanela á súa parella tras unha discusión nun piso da rúa Pazo

Axentes da Policía Local detiveron a un veciño da cidade, M.F.C., de 41 anos, como presunto...

Queres saber como é a nova torre de control dixital de Peinador?

Trece monitores de 55 polgadas cada un que recollen as imaxes captadas por máis...

O conselleiro de Sanidade sobre a próxima entrada en vigor do novo contrato de Povisa: “Ninguén vai obrigado”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ratificou este mércores que para abril --o...