InicioSociedadeO petroleiro remolcado a Vigo estará unha semana en porto para a...

O petroleiro remolcado a Vigo estará unha semana en porto para a reparación da súa hélice e non hai risco de vertedura

A Autoridade Portuaria olívica confirmou que o buque cumpriu as medidas de seguridade que se lle esixiron

PUBLICADO O

- Advertisement -

O petroleiro ‘Minerva Nounou’, que foi remolcado nas últimas horas ao Porto de Vigo debido a unha avaría na súa hélice, permanecerá amarrado no peirao de transatlánticos da terminal viguesa unha semana, tempo estimado polos técnicos para a reparación da avaría.

Así trasladou a Europa Press fontes da Autoridade Portuaria olívica, que confirmaron que o buque cumpriu as medidas de seguridade que se lle esixiron para poder atracar en Vigo, entre elas a inertización dos seus depósitos.

O buque, de 254 metros de eslora e 44 de manga, saíu de Xibraltar o pasado 7 de marzo con destino Países Baixos, cunha tripulación de 26 persoas. O pasado xoves deu aviso a Salvamento Marítimo por unha avaría na hélice, e a propia tripulación tratou de reparar o dano sen logralo, polo que o petroleiro solicitou autorización para recalar no Porto de Vigo.

Fontes consultadas por Europa Press confirmaron que non se teme pola integridade do barco e que navegaba baleiro de carga, polo que non hai risco de contaminación por vertedura. As mesmas fontes explicaron que o petroleiro ten dobre casco (foi construído en 2006). O ‘Minerva Nounou’ foi finalmente remolcado polo buque de Salvamento ‘Don Inda’ e permanece amarrado desde este domingo no peirao de transatlánticos de Vigo.

“NADA QUE VER CO PRESTIGE”

Este luns, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e a directora do organismo, Beatriz Colunga, achegáronse ata o peirao de transatlánticos para “coñecer de primeira man o estado do buque avariado”, segundo informaron fontes portuarias.

As mesmas fontes insistiron en que, para autorizar a súa entrada á terminal olívica, o barco tivo que cumprir os “esixentes requisitos” demandados pola propia Autoridade Portuaria e por Capitanía Marítima.

A Autoridade Portuaria matizou que o caso do ‘Minerva Nounou’ “nada ten que ver co ‘Prestige'”, xa que se trata dun buque de dobre casco e “sen carga”. Aínda así, sinalou, “extremáronse as medidas de seguridade á hora permitir a entrada deste petroleiro en porto”.

Jesús Vázquez Almuíña destacou o traballo conxunto de Capitanía Marítima, prácticos, remolcadores e Autoridade Portuaria no operativo de remolque e atracada, “máis complicada que noutras ocasións”.

ÚLTIMAS

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...

A Plataforma fronte á Masificación Turística pide unha moratoria de licenzas para VUT

A Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo dirixiuse por carta...

O PP de Vigo pide a Caballero que deixe as “ambigüidades” sobre a biblioteca de Teis

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu ao alcalde, Abel Caballero,...