
A Deputación de Pontevedra volverá celebrar a Gala Provincial do Turismo no Auditorio Mar de Vigo. Será este venres, 10 de marzo, ás 19,30 horas. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que “a gala estará centrada no patrimonio inmaterial da provincia”, que é a liña da campaña deste ano ‘Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasiones para celebrar a provincia de Pontevedra’.
A cerimonia estará conducida pola actriz Alicia Armenteros e contará coas actuacións de Baiuca, da Nova Galega de Danza, Fillas de Casandra e un espectáculo de danza aérea con Duelirium e a voz de Mónica de Nut.
Neste evento “recoñeceremos e homenaxearemos ao gran sector turístico que temos na nosa provincia”, explicou a presidenta. Na Gala entregaranse os galardóns do I Premios Turismo Sostible, que distinguen a aqueles establecementos que realizaron proxectos de innovación ou eficiencia no ámbito ambiental e da economía circular. Presentáronse a estes premios preto dunha vintena de propostas.
Ademais, nomearase ás novas embaixadoras Rías Baixas 2023, unha nova ocasión para facer “unha homenaxe ás artesás da provincia” como son Elena Ferro, Paula Ojea, Ana Tenorio, Marta Armada e Virginia Rodríguez. A todas elas entregaránselles unhas esculturas realizadas pola artista Lucía Sueiro, elaboradas con madeira que devolve o mar.
Tamén se entregarán os diplomas ás empresas pontevedresas que conseguiron ou renovaron este ano os seus distintivos Sicted, recoñecendo así “o gran esforzo do sector privado, que fai que o noso destino sexa un dos máis atractivos e demandados”.