InicioVal MiñorGondomarA riqueza dos montes galegos: En Couso extraen resina, producen shiitake e...

A riqueza dos montes galegos: En Couso extraen resina, producen shiitake e teñen o ‘Bosque das memorias

Unha comunidade de montes, recoñecida pola ONU polos seus proxectos pioneiros para a diversidade do uso do territorio cun fin social

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os montes galegos son sinónimo de riqueza, mire por onde se mire, e bo exemplo disto está na parroquia do Couso, no concello pontevedrés de Gondomar. “Anteriormente non se cría no monte”, afirma José Antón Arauxo, presidente da actual Comunidade de Montes de Couso desde xa hai 16 anos. Recibiron o recoñecemento da Organización das Nacións Unidas (ONU) polos seus proxectos pioneiros para a diversidade do uso do territorio cun fin social, que iremos coñecendo nesta reportaxe. “Sempre gusta que recoñezan o traballlo, os comuneiros e comuneiras están encantados de que unha pinga do océano, nun recuncho, nunha aldea teña un recoñecemento a nivel mundial”, comenta sobre isto. 

Polo xeral, o normal é que “a comunidade de montes se dedique a produción de madeira, maioritariamente, piñeiro e eucalipto” e, no caso do Couso, dedícanse á gran produción de madeiras nobres, como carballo, castiñeiro, nogueira, cerdeira, freixo… Ademáis contan con producións alternativas, debido a que a madeira dá uns ingresos, no mellor dos casos cada 20 anos, como o eucalipto e supón un crecemento moi baixo. Estas producións serían de setas, froitos vermellos ou resina e xerán ingresos anuais. 

Coa introdución de especies de madeira nobres xeran valor engadido a longo prazo porque procuran recuperar o territorio “eliminando especies invasoras como a acacia”. Esta presenta un “rendemento nulo” e tamén buscan reducir o “eucalipto” porque supón “pouco valor económico e trae moitos prexuízos para o monte”. Aporta o presidente un dato neste sentido: “Unha hectárea de eucalipto consome 42.000 litros de auga i é moi propagadora de incendios”. Así, apostan por outro tipo de materias máis rendibles. 

CREAR CONCIENCIA E O PAPEL DAS ADMINISTRACIÓNS 

“Outro monte é posible, máis rendible e sostible”, afirma Arauxo sobre o que hai que facer ver á veciñanza comuneira e que hai que ter paciencia. “Non se debe ser curtopracista, cando chegue o momento obteranse os ingresos coa venta de madeira e mentres os outros tipos de produción xeran ingresos anuais e permiten crear traballo, o que é o noso obxectivo”, expón neste sentido. 

Outro punto que destaca é a importancia de divulgar e crear conciencia de que existen outras alternativas para o monte máis aló dos eucaliptos. Esta comunidade de montes de Couso vendeu este ano madeira de castiñeiro, que lle deu uns ingresos moito maiores ca os do eucalipto: “Deunos 100 euros por metro cúbico, cando polo eucalipto nos están dando 25 euros metro cúbico. Certo é que tarda o dobre de tempo, 40 anos, pero tamén nos dá máis do dobre de ingreso ca o eucalipto”.

Así, reivindica que non “hai mercado suficiente para esa madeira”, polo que o mercado hai que crealo e aí “é onde fallan as administracións”. Cal é o papel que xogan as administracións neste caso? O presidente afirma que no caso da administración local, do concello de Gondomar, que “o mellor que pode facer é non facer nada”. Considera que cada vez que fan algo, esta administración “non colabora en nada, só inspección disto ou do outro”. No que atinxe á Xunta de Galicia, indica que existen liñas de axudas en cuestións de agricultura ou incendios. Porén, fóra de aí “non permite ás comunidades de montes acceder a subvencións”. Manifesta que crean postos de traballo cos escasos recursos, pero que tamén se lles hai que axudar. 

NOVOS PROXECTOS EN DETALLE

Actualmente están inmersos en diferentes proxectos. Menciona o tema da extracción de resina, do que agardan un resultado positivo que permita seguir xerando emprego. En que consiste? Explica: “Nos últimos dez anos de vida das árbores, se lle chama resina da morte, o que facemos é coller 4000 piñeiros de momento e sacámoslle a resina. O obxectivo é obter 16.000 ou 18.000 quilos ao ano e ingresar uns 18.000 euros, xa que se emprega para pintura, industria, cosmética…”. Comezaron con este proxecto o ano pasado e será este ano cando realicen a primeira venda de resina. 

Entre os proxectos destacados está a produción de shiitake ou “cogomelo delicioso” en galego. De orixe xaponés, ten cada vez máis adeptos en Galicia polo seu sabor e textura. Presenta beneficios pola súa achega de vitaminas, minerais, antioxidantes e fitonutrintes esenciais e propiedadades medicinais. “Tamén contamos con producións de froitos do bosque como amorodos, framboesa ou grosellas, pero que presentan maior dificultade. Pelexamos contra os paxaros, cabalos e xabarís”, afirma e engade que lle están dando unha volta a esta plantación coa introdución de froitos secos como as abelás. 

En termos de rendemento económico, as plantacións de shiitake e a extracción de resina, recoñece, “teñen valor importante”. O shiitake ten un “rendemento de 14 euros por metro cúbico e, aínda que aquí non é moi grande a cultura do cogomelo, co aumento da demanda, irase ampliando”. Os montes tamén presentan riqueza desde o punto de vista social, no Couso hai rutas de senderimos, áreas de lecer, zonas de baño, miradoiros… Tamén destaca entre as iniciativas, os proxectos educativos como o Bosque da Lingua, que ten un crowdfunding aberto para colaborar: “O obxectivo é potenciar a lingua entre os cativos cun sistema, no que vas co móbil e en 24 balizas terás 24 poemas de autores galegos no monte. Por exemplo, pode aparecer Mercedes Peón cun poema de Luísa Villalta”. 

Hai un proxecto diferenciador. “O Bosque das Memorias non o ten ninguén”, resalta Arauxo, sobre este lugar no monte que busca honrar e lembrar aos seres queridos de quen xa non están. É un recoñecemento aos comuneiros e comuneiras ou colaboradores, que poden dedicar unha pedra cunha árbore de calquera parte do planeta. “A idea xurdiu non 2019 por unha persoa comuneira que lle morreu un fillo de accidente de tráfico e a familia non é practicante de ningunha relixión. Querían ter un lugar de culto para ou seu fillo e ocorréuselles plantar unha árbore non monte na súa honra”, explica. Na pedra figura o nome común, científico e procedencia desa árbore e xa hai na actualidade 14 plantacións. 

Para rematar, fai fincapé en que están promocionandoa comunidade enerxética coa produción de “enerxía ambiente fotovoltaica para reducir o custo da factura da luz dos veciños que queiran participar no proxecto”. 

ÚLTIMAS

Prisión provisional para o suposto autor do crime machista de Moaña

O Xulgado de Instrución número 3 de Cangas, en funcións de garda, decretou prisión provisional...

Caballero ameaza con denunciar á Xunta por non financiar as escolas infantís de Vigo “e si a doutros concellos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ameazou este luns con volver levar o financiamento das...

O Fiscal reitera: o crime do Areal foi homicidio, porque “non houbo aleivosía nin ensañamento” e o acusado “non é Rambo”

O xuízo contra David M.C., acusado de matar a un profesor xubilado en Vigo,...

Atopa a túa capacitación dixital en transporte, lóxistica e mobilidade na UVigo

A oferta de formación do Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de...