InicioVal MiñorGondomarGondomar blindará o SAF: medidas inmediatas ante calquera denuncia de acoso

Gondomar blindará o SAF: medidas inmediatas ante calquera denuncia de acoso

PUBLICADO O

- Advertisement -

A suspensión do servizo será avaliada pola traballadora social municipal e coordinadora da empresa prestadora.


O Concello de Gondomar acordou reforzar o protocolo do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) e suspender esta prestación a usuarios no caso de que exista unha denuncia por acoso por parte dunha persoa traballadora. Esta decisión tomouse nun encontro destinado a reforzar o protocolo de actuación ante situacións de emerxencia, despois de que esta semana matasen a unha empregada do SAF no Porriño.

Así o informou o alcalde, Paco Ferreira, quen se reuniu este venres, xunto á concelleira de Benestar Social, coa coordinación coa empresa Idades, encargada de prestación do SAF; cunha representante das traballadoras do sindicato UXT, e co servizo municipal de mediación policial.

Durante a reunión adoptouse unha nova medida, orientada a garantir a seguridade das persoas traballadoras e a calidade do servizo: ante calquera denuncia realizada por unha auxiliar do SAF, e tras a correspondente valoración técnica por parte da traballadora social municipal e a coordinadora da empresa, o servizo poderá ser suspendido de forma inmediata.

Desta forma, o Concello de Gondomar manifestou o seu propósito de priorizar sempre a integridade física e emocional das traballadoras, mesmo se iso entra en contradición coas directrices marcadas pola Xunta de Galicia, á que reclama que sexan os técnicos municipais quen determinen o número de horas e as condicións do servizo en cada domicilio.

Antes de proceder á suspensión, informarase debidamente aos familiares da persoa usuaria, co fin de que poidan adoptar as medidas cautelares necesarias ou asumir a responsabilidade da continuidade do servizo. Así mesmo, darase traslado formal da situación á Xunta de Galicia, como administración competente que, segundo o alcalde, “delegou inxustificadamente a xestión do servizo nos concellos sen dotalos dos medios necesarios”.

“CONTUNDENTES E RIGOROSOS” ANTE O ACOSO

O protocolo reforzado integrará de maneira formal ao servizo municipal de mediación policial, que asumirá funcións de intervención e mediación ante posibles conflitos entre usuarios, familiares, empresa e persoal técnico, especialmente nos casos que poidan supor un risco para as traballadoras.

Neste sentido, o alcalde fixo un chamamento directo a todas as traballadoras do SAF, ás que pediu colaboración activa e plena confianza nas canles institucionais do Concello: “Non dubidedes en denunciar calquera situación que consideredes relevante para a prestación do servizo”.

Ferreiro considera “fundamental” poder actuar “con inmediatez” e, deste xeito, adoptar medidas cautelares que eviten calquera risco para a saúde e integridade física das persoas traballadoras do SAF. “Ante situacións de violencia ou acoso, debemos ser contundentes e rigorosos”, insistiu, á vez que valorou o seu labor social como “incuestionable”.

ÚLTIMAS

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...