Unha sentenza dun xulgado do Social de Vigo, que declara nulo o despedimento dun extraballador do Colexio de Enfermaría de Pontevedra, ve acreditada a existencia dunha “armazón empresarial”, con “homes de palla”, detrás da xestión deste órgano, cuxo expresidente está a ser investigado, xunto á súa muller e a súa filla, polos presuntos delitos de administración desleal, branqueo de capitais e falsidade documental.
Na resolución do xulgado do Social, a xuíza declara nulo o despedimento do que fose director de Comunicación do Colexio, que desempeñaba servizos para esta entidade e cuxa nómina, con todo, era pagada por outra empresa: Xestión Xurídica Galega.
Á marxe do fallo da sentenza, que declara que o demandante era traballador do Colexio e que deberá ser readmitido (con abono dos salarios pendentes desde a data do despedimento), a xuíza fai unha serie de consideracións na súa resolución e conclúe que, tras o Colexio de Enfermaría de Pontevedra, había unha “armazón” de empresas que se encargaban de diversas cuestións, de modo que a propia organización colexial quedaba “baleira de contido”.
Segundo apuntou a maxistrada, o expresidente do organismo, Carlos F.G., a súa muller e a súa filla están detrás de Galaprint (dedicada á impresión de textos e dona dos locais que ocupa o Colexio, por cuxo aluguer cobrou máis de 245.000 euros no últimos catro anos), Xestión Xurídica Galega (que ademais de pagar ao director de comunicación, daba asistencia xurídica ao Colexio, e cobrou anualmente 300.000 euros) e de Instituto Galego de Formación Sanitaria e Promoción Social (que daba os cursos formativos aos colexiados).
Respecto diso, na sentenza apúntase que, aínda que estas empresas teñen “en aparencia” os seus propios administradores, estes non son máis que “homes de palla”, posto que a xestión efectiva do Colexio quedaba en mans de Carlos F.G. e a súa familia. Ademais, sinala que esta “armazón” supón “confusión de patrimonio, persoais e funcionamento unitario”.
INVESTIGACIÓN
O expresidente do Colexio de Enfermaría de Pontevedra foi detido en marzo pasado xunto á súa muller e a súa filla no marco dunha investigación xudicial e policial polas supostas irregularidades contables na xestión do Colexio.
Ademais desta investigación, sobre Carlos F.G. pesan outros procesos xudiciais, como as denuncias do Consello Xeral de Enfermaría de España, con varias sentenzas que obrigan á entidade de Pontevedra a abonar millóns de euros por non pagar a parte correspondente das cotas dos colexiados.
O expresidente, a súa muller e a súa filla saíron de prisión provisional a principios de xullo, tras catro meses na Lama, e despois de que os tribunais denegase varias veces a súa liberdade polo risco de destrución de probas.