InicioSucesosPolicía de Vigo alerta dunha estafa mediante chamada telefónica para actualizar o...

Policía de Vigo alerta dunha estafa mediante chamada telefónica para actualizar o sistema operativo do computador

Quen chama faise pasar por empregado dunha coñecida empresa mundial na distribución de software informático.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela advirte dunha modalidade de estafa mediante chamada telefónica para actualizar o sistema operativo do computador.

Segundo informou a Policía, varios cidadáns recibiron nos últimos días chamadas nas que unha persoa se facía pasar por empregado dunha coñecida empresa mundial na distribución de software informático e indicábanlles que tiñan un problema coa seguridade e funcionamento do seu sistema operativo.

Para iso informáballes que tiñan que picar unha ligazón que aparecía nunha páxina web que lle facilitaban e descargarse unha aplicación. Con iso, destaca a Policía, “obtiñan un acceso remoto ao computador e podían monitorar todo o que a partir dese momento o usuario realizaba con el”.

“Nalgún caso mesmo lograron gañarse a confianza da vítima e indicábanlle que se utilizaba habitualmente o teléfono para enviar correos ou realizar compras debería de instalar unha aplicación que garantise a súa seguridade”, indican as mesmas fontes policiais. “Neste caso o que se instalaba era unha APK fraudulenta coa que os estafadores accedían e xestionaban as aplicacións do teléfono. Con isto conseguían eliminar a aplicación de banca do teléfono para que a vítima non detectase os pagos ou transferencias que realizan a través do computador”, explican.

Este tipo de estafas, avisa a Policía, “son máis comúns do que pode parecer, polo que o mellor é a prevención e o coñecemento, de modo que cunhas pautas podamos ser capaces de identificalas”.

Así, sinala que comezan cunha chamada, pero tamén poden empezar cunha mensaxe que facilita unha ligazón que aparenta ser da propia empresa e no que indican que se descargue unha aplicación.

Para identificar este tipo de estafas a Policía indica que se debe desconfiar se “chama unha empresa e solicita claves e contrasinais”, xa que, asegura, “a empresa ou banco real nunca o fará”. “O segundo, nunca debemos instalar unha aplicación, programa ou software no noso computador, tableta ou smartphone que non proveña da páxina oficial do fabricante ou desenvolvedor“, abunda.

Ademais, a Policía recalca que “en ningún caso se usan os dominios das páxinas web oficiais, aínda que tentan modificar algunha letra ou símbolo coa esperanza de que non nos fixemos e non nos deamos conta do engano”.

Finalmente, para as descargas app, as empresas reais, puntualiza a Policía “sempre enlazarán á tenda de aplicacións de iOS ou Android para facelo por unha vía segura”.

Con todo, a Policía Nacional aconsella “ante a máis mínima sospeita” denunciar ante as autoridades “as comunicacións ou avisos potencialmente fraudulentos recibidos e, sobre todo, nunca acceder ás ligazóns que os acompañan”.

ÚLTIMAS

Papá Noel toma un ano máis as rúas de Vigo en moto

Miles de papanoeles en moto déronse cita, un ano máis, este sábado para percorrer...

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...