Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a tres homes, de idades comprendidas entre 22 e 37 anos, por “desobeceder reiteradamente” aos funcionarios que lles advertiron de que non podían estar na vía pública sen xustificación, debido ao estado de alarma.
Segundo informaron fontes policiais, os detidos foron detectados en Vigo e Redondela nos últimos días, e foron recoñecidos polos axentes en todos os casos, ao tratarse de homes con antecedentes e ‘coñecidos’ pola súa vinculación con feitos delituosos.
Ademais, apuntou a Policía, un destes homes, que ten 75 antecedentes, xa fora denunciado en 7 ocasións anteriores por saltarse o confinamento. Os outros dous tamén foran apercibidos nos días previos.
Os axentes advertíronlles de que non podían deambular pola vía pública pero este tres homes, lonxe de obedecer, “negáronse de modo reiterado” a atender aos seus requirimentos, polo que foron detidos. Dous deles foron arrestados na cidade olívica, e o terceiro no municipio de Redondela.