O acusado de tentar matar a súa exparella nunha chabola de Vigo negou os feitos e asegurou que “se el agrediuna, teríalle feito algo máis”, indicando mesmo que podía matala en caso de querer facelo. “Xa paguei dous homicidios con 27 anos de cárcere”, reivindicou durante a vista polo caso levada a cabo esta mañá na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, subliñando que nesta ocasión “non buscaba unha causa tan grave” senón que decidiu denunciar á muller, á que acusaba de roubarlle uns 700 euros.
“Eu, se a tocase, faríalle algo máis que iso, dígoo francamente“, insistiu o home, relatando que ese día, o 15 de xuño de 2025, foi á vivenda da súa exparella debido a que lle faltaban 700 euros da súa casa, supondo el que fora ela quen llos roubou xa que tiña chaves (a pesar de que non estaban xa xuntos desde facía anos). Aínda que recoñeceu que portaba nunha mochila unha pata de cabra e unha arma punzante, dixo que non a agrediu, senón que discutiron e ameazouna con que a ía a denunciar. Tamén indicou que no momento dos feitos bebera “unhas 3, 4 ou 5 cervexas”.
O home, que se enfronta a máis de 14 anos de prisión, foi preguntado tamén por todas as feridas que tiña a muller, explicando que ela tiña moi mala relación co seu irmán e que días antes podería habela agredido.
VÍTIMA
Tras el, acudiu a declarar a suposta vítima, que explicou que ambos mantiveran unha relación “regular” durante case 30 anos, con insultos e ameazas de morte constantes, pero levaban xa catro anos separados porque “el quería unha vida que ela non quería de novo”, referíndose a as drogas. “El estaba obsesionado comigo”, asegurou a muller, que o denunciou 10 días antes dos feitos por unhas ameazas telefónicas. A pesar das mensaxes achegadas, dixo que non se lle puxo unha orde de afastamento naquel momento.
No día dos feitos, sobre as 20.00 horas, o home foi á súa casa, unha chabola situada no barrio de Castrelos, e ela deuse conta polo ladrido dos cans. Ao velo, tratou de pechar a porta, pero el cunha pata de cabra abriuna. Así, saíron para fóra, onde se produciu a agresión, segundo o relato da vítima. O home, cun obxecto afiado agarrado a un pau longo (era coñecido por crear as súas propias armas, segundo dixo a muller), cortouna para logo darlle un golpe na cabeza coa pata de cabra e quedar inconsciente. Antes, ela trataría de defenderse. Cando recuperou a conciencia estaba no hospital.
Pola súa banda, os irmáns da muller, presentes na vivenda no día dos feitos, relataron a mala relación previa que tiñan con el. Ese día, ambos aseguraron que o viron tratar de entrar na casa. A nora da vítima dixo que a ela chegou a ameazala, pero como tiña un bebé dun mes deixouna ir. Un dos policías que foron ao momento indicou que se atoparon á muller no chan sangrando de maneira “moi moi abundante” e aínda que parecía “morta”, viron que aínda tiña pulso. Por iso, trataron de tapar as súas feridas á espera de que chegase a ambulancia.
A pesar de todo, nas armas achadas nunha maleta nas inmediacións da chabola non se atoparon restos de ADN que permitisen sinalar ao home, segundo indicaron os profesionais que se encargaron de analizalas. O xuízo foi suspendido ata o 7 de xullo debido a que dúass das testemuñas atopábanse de baixa e as partes non quixeron renunciar a eles.
