Tres persoas resultaron feridas na mañá deste xoves tras rexistrarse un aparatoso accidente con catro vehículos implicados na autovía VG-20 de Vigo, á altura da parroquia de Matamá. Foi sobre as 07.45 horas cando un particular alertou ao 112 Galicia do suceso, ocorrido no punto quilométrico 6 da devandita vía. O home explicaba que había unha colisión múltiple e que podería haber persoas atrapadas.
Por iso, deuse aviso ao 061, aos bombeiros e á Policía Local de Vigo, así como á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos servizos de mantemento da vía. Pouco despois, os equipos de emerxencia confirmaron que eran catro os turismos implicados no sinistro, tendo que ser excarcerado un dos condutores e sendo atendidos tres feridos.
O accidente, ademais, provocou longas retencións na zona, desde o túnel de Valladares en dirección Bouzas.
