Un axente da Policía Local de Redondela resultou ferido este fin de semana durante unha intervención cun home que foi detido tras tentar reter a unha moza contra a súa vontade no centro urbano de Redondela. Os feitos producíronse a última hora da tarde do sábado, cando os axentes foron alertados pola presenza dun individuo que intentara impedir que unha muller marchase, sen o seu consentimento. A vítima conseguiu finalmente zafarse e fuxir, segundo indicaron testemuñas presenciais.
Coa descrición facilitada, os policías lograron localizar ao sospeitoso, que reaccionou de forma agresiva ao decatarse da presenza policial, chegando a ameazar aos axentes, polo que foi necesario reducilo. Durante o forcexo, un dos policías locais resultou ferido cun corte nunha man, causado polos cristais dunha botella que o individuo lanzara ao chan no transcurso da intervención. O home foi detido e trasladado a un centro médico, mantendo unha actitude violenta mesmo durante o traslado no vehículo policial. Pola súa banda, o axente ferido tamén precisou asistencia sanitaria, sen que transcendera a gravidade das lesións.
