Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron un home por facer crer que fora vítima dun roubo con violencia para poder cobrar unha prestación bancaria. Os investigadores atribúenlle agora os delitos de simulación de delito e estafa tras comprobar que os feitos relatados nunca sucederon.
O home acudiu ás dependencias policiais a mediados do pasado mes de decembro para denunciar un suposto asalto mentres paseaba pola rúa. Segundo o seu relato, dúas persoas abordárano cunha arma branca e, tras ameazalo cun puñal, introducírono nun portal. Alí, asegurou que lle deran unha malleira con puñadas e patadas para roubarlle unha carteira que contiña 500 euros. Nese momento, o denunciante achegou unha descrición dos supostos agresores, aínda que admitiu que non acudira ao médico nin denunciara antes por medo.
A investigación deu un xiro cando a Policía requiriu a súa presenza en Comisaría para ampliar os datos do ocorrido. Ante as preguntas dos axentes, o home mostrouse incapaz de dar explicacións verosímiles e tratou de retirar a denuncia. Finalmente, acabou confesando que todo o relato era falso e que o seu único obxectivo era obter unha compensación económica por parte da súa entidade bancaria. Tras a confesión, os axentes procederon á súa detención inmediata por enganar as forzas de seguridade e intentar cometer unha fraude.
