A Policía Nacional desarticulou en Vigo unha armazón de explotación laboral en froitarías que captaba a mulleres estranxeiras sen papeis a través dunha aplicación de citas. Segundo informa a Policía, as vítimas son catro mulleres procedentes de Sudamérica que traballaban en establecementos comerciais de Vigo desde as 4.30 horas ata as 21.00 horas de luns a sábado, ademais da mañá do domingo, por un salario aproximado de 600 euros, os cales, en ocasións, “nin sequera chegaban a cobrar”. A actuación policial iniciouse tras a denuncia dunha muller estranxeira que manifestou ser captada mediante unha aplicación de citas.
Segundo relatou, un home ofreceulle vivenda e traballo en España a cambio de manter unha relación sentimental. A vítima, en situación administrativa irregular e cunha grave precariedade económica, aceptou o ofrecemento. Unha vez en Galicia, foi sometida a condicións laborais abusivas. Por mor desta denuncia, os axentes localizaron a outras vítimas que foran incorporadas ao persoal de varios establecementos de alimentación xestionados polo investigado, un cidadán español.
Estas persoas residían en almacéns habilitados como vivendas, en condicións mínimas de habitabilidade, e traballaban ademais de forma irregular. Axentes da Policía Nacional, adscritos á UCRIF da Comisaría de Vigo-Redondela, levaron a cabo esta investigación que permitiu identificar e protexer a varias vítimas de explotación laboral. O responsable dos establecementos empregaba tamén a outros cidadáns estranxeiros en situación irregular, detectados previamente pola Inspección de Traballo. A algúns deles ofrecíalles aloxamento nos propios almacéns dos comercios, previo pago dun aluguer.
INVESTIGADOS UN FILLO E EXMULLER
Aínda que o investigado “dirixía de facto os negocios”, relata a Policía, ningún dos locais figuraba ao seu nome, senón a nome de familiares directos, como a súa exmuller e o seu fillo, quen tamén están a ser investigados pola súa suposta participación nos feitos. Toda a información solicitada foi posta en coñecemento da autoridade xudicial. A investigación continúa aberta “co obxectivo de esclarecer completamente os feitos e determinar todas as responsabilidades”. A Policía Nacional, en coordinación coa Inspección Provincial de Traballo, indica que intensifica as inspeccións en centros de traballo para detectar e combater calquera forma de explotación laboral.
