Dúas persoas resultaron feridas este mércores ao chocar dúas lanchas motoras en Baiona, segundo informa o servizo de emerxencias 112 Galicia. Ambas viaxaban na mesma embarcación e foron atendidas no lugar polo persoal sanitario, sen que fora preciso o seu traslado a un centro hospitalario. Na outra lancha ían dúas persoas máis, que resultaron ilesas.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 07:25 horas a través do aviso de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Segundo a información facilitada, a colisión produciuse entre o peirao e o espigón do porto de Baiona. Desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo e a Gardacostas de Galicia, ao GES do Val Miñor, así como á Guardia Civil e á Policía Local.
Nun primeiro momento mobilizouse o helicóptero Pesca-I, aínda que finalmente foi anulado ao atoparse xa as persoas implicadas no porto. Os equipos de emerxencia desprazados confirmaron que ningunha das persoas implicadas chegara a caer ao auga e que as embarcacións quedaron amarradas, sen risco de verteduras de líquidos.
