Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a tres homes como supostos autores de dous roubos con violencia e intimidación e un delito de lesións. A investigación iniciouse por mor de dúas denuncias presentadas os días 31 de maio e 1 de xuño. Os denunciantes relataron que, cando se atopaban pola noite nunha zona de lecer da cidade, foran abordados por un grupo de entre 15 e 20 mozos.
Un deles comezara a propinarlles golpes e patadas con gran violencia e, a continuación, subtraéranlles as carteiras, telefónos móbiles e diñeiro en efectivo.
A investigación foi levada a cabo polo grupo operativo da Policía Xudicial e permitiu pescudar o modus operandi empregado polos autores destes feitos. Así, os sospeitosos localizaban á súa vítima, un dos integrantes do grupo aproximábase a ela e, sen mediar provocación, comeza a agresión.
Os demais membros do grupo situábanse ao redor ou nas proximidades para dar cobertura ao agresor, impedindo que a vítima fose auxiliada por algunha outra persoa. A Policía logrou identificar e deter a tres deles, pero a investigación segue aberta e non se descartan novos arrestos.