InicioSucesosInvestigan a un veciño de Cangas por vender mineral tóxico como medicina...

Investigan a un veciño de Cangas por vender mineral tóxico como medicina milagrosa

PUBLICADO O

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Cangas acusado dun presunto delito contra a saúde pública, por comercializar a través de internet o MMS, un produto tóxico que ofrece falsas propiedades curativas para todo tipo de enfermidades.
O MMS ( Miracle Mineral Solution) ou SMM (Solución Mineral Milagrosa), é o resultado da mestura do clorito de sodio, usado habitualmente como depurador de augas para o consumo humano, co ácido clorhídrico, que actúa como activador, dando lugar ao dióxido de cloro (MMS), ao que se lle atribúen falsas propiedades curativas, tomándoa en pingas diluídas na auga ou outra bebida.
Trátase dun produto cuxa comercialización e publicidade foi prohibida no ano 2010 pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios ao constatar o seu potencial risco para a saúde.
As investigacións iniciáronse o pasado mes de setembro cando o Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas ten noticia sobre a venda online dun produto comercializado como suplemento alimentario, que carecía de autorización.
As pescudas iniciais levaron aos investigadores á páxina web dunha empresa que ten o seu domicilio social en Cangas do Morrazo, cuxo obxecto é o comercio polo miúdo por correspondencia e Internet de produtos de estética, cosmética, nutrición, mantemento e coidado corporal.
Nesta páxina web, o administrador anunciaba a venda os dous compostos químicos do MMS: clorito de sodio e acedo clorhídrico, ademais do produto acabado, que o comercializaba co nome de “ Depur”.
A través doutra páxina web, vinculada coa anterior e relacionada co administrador único da mesma empresa, achegábase información sobre o clorito de sodio e os seus “beneficios”, ademais de ligazóns a vídeos que mostran a elaboración e testemuños de curacións pola toma do produto, así como protocolos de actuación e dosificacións.
A publicidade do MMS completábase cun anuncio nun coñecido portal de vendas na internet. A investigación concluíu coa inspección da sede social da empresa en Cangas onde se almacenaba, elaboraba e distribuía este produto considerado ilegal, no ámbito farmacéutico e sanitario.
Incautáronse preventivamente preto de cen litros dos distintos compostos químicos que conforman o MMS e unha importante cantidade de envases co produto xa elaborado (Depur).
Finalizou a operación coa investigación penal do administrador único da empresa como suposto autor dun delito contra a saúde pública, por dedicarse á elaboración e venda dun produto que publicitaba con propiedades curativas, estando prohibida a súa comercialización pola Axencia Española dos Medicamentos.
No desenvolvemento das investigacións e das inspeccións que levaron a cabo participaron efectivos do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil e da Patrulla do Seprona de Cangas.

ÚLTIMAS

Abel Caballero acende “as luces de Nadal de todo o planeta”: Vigo estreará o seu espectáculo o 15 de novembro

A iluminación do Nadal de Vigo acenderase o próximo 15 de novembro, segundo desvelou...

O TSXG dá a razón ao Concello de Vigo no caso do concerto de Guns N’ Roses e evítalle pagar 1,5 millóns á promotora

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado polo Concello...

Caballero carga contra Rueda polo ‘non’ á Facultade de Medicina en Vigo: “Defende un privilexio feudal”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu arremeter este luns contra o presidente da...

Recollen xa o 75% do aceite de palma vertido no porto de Vigo

O dispositivo de limpeza posto en marcha tras o vertido duns 100.000 litros de...