InicioVal MiñorBaionaDeclarada a alerta por escaseza de auga nos sistemas que abastecen Nigrán,...

Declarada a alerta por escaseza de auga nos sistemas que abastecen Nigrán, Baiona e parte de Vigo

A Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia decidiu este venres elevar o nivel de alerta nos sistemas de Zamáns e Baíña.

PUBLICADO O

A Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia decidiu este venres elevar o nivel de alerta nos sistemas de Zamáns e Baíña, que abastecen de auga aos municipios de Nigrán, Baiona e parte de Vigo, declarando a situación de alerta por escaseza.

Na reunión, presidida pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, analizáronse os datos das distintas concas da demarcación Galicia-Costa e constatouse a continuidade da “anomalía hidrolóxica” que se rexistra desde principios de ano, pola escaseza de choivas.

Así, os caudais circulantes continúan en valores inferiores aos habituais nesta época do ano, un 30 % por baixo da media dos últimos dez anos, a pesar do “pico moi puntual” rexistrado debido ás choivas entre o 12 e o 15 de setembro.

Pola súa banda, a ocupación dos encoros nesta demarcación hidrográfica (un 61,58 %) tamén está un 13 % por baixo da media histórica e un 17 % por baixo dos valores de 2021. A iso súmase que o mes de agosto foi “seco e extremadamente cálido”, con precipitacións por baixo da media, aínda que foi nesta zona onde máis se concretaron as poucas choivas e púidose frear o empeoramento da situación.

Nese escenario, elevouse o nivel de alerta nos subsistemas de Zamáns e Baíña, pasando a situación de alerta por escaseza, e a Oficina Técnica da Seca recomenda aplicar as medidas oportunas nos sistemas municipais de abastecemento de Nigrán, Baiona e unha parte pequena de Vigo (aínda que o Concello olívico anunciou hai semanas que deixaba de captar auga do encoro de Zamáns para evitar problemas de abastecemento a Nigrán e Baiona).

Estas medidas supoñen aplicar un réxime de caudais ecolóxicos de seca nos ríos Zamáns e Baíña, que permitirá aos explotadores destes encoros recudir o caudal que se deixa pasar augas abaixo destes ríos.

AMPLIACIÓN DE PREALERTA

A Oficina Técnica da Seca tamén acordou ampliar a prealerta por escaseza a novos sistemas: o sistema 1, que abarca os ríos Verdugo e Oitavén, e as rías de Vigo e Baiona; e o sistema 2, que engloba a costa de Pontevedra.

A situación de escaseza do río Verdugo e Oitavén, apuntou a Xunta, vén determinada en gran medida “pola capacidade do encoro de Eiras para garantir o abastecemento a todos os concellos que se fornecen del”.

Aínda que este encoro está ao 73 % da súa capacidade, “a preocupación dos técnicos vén derivada pola imposibilidade actual de aproveitar toda a auga dispoñible”, xa que ao baixar o nivel de ocupación do 37%, a estación potabilizadora do Casal, en Vigo, ten problemas para tratar a auga.

Respecto diso, Augas de Galicia sinalou que, tras preguntar ao Concello de Vigo pola situación desa potabilizadora (inmersa en obras de reforma) sen obter resposta, considerouse “prudente” supor que a planta ten “as mesmas limitacións” que en 2017. Por iso, considerouse activar a situación de prealerta.

Así mesmo, mantense a situación de prealerta por escaseza nos sistemas onde estaba activada previamente: o sistema do río Lérez e na ría de Pontevedra; no sistema do río Tambre e a ría de Muros e Noia; na conca do río Grande e dos ríos que van á ría de Camariñas e a costa de Cabana, Laxe e Muxía; na conca do río Anllóns; e no sistema do río Mero, Arteixo e a ría da Coruña.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...