InicioEconomíaO comité do Barreras reclama a Armón que recupere a todos os...

O comité do Barreras reclama a Armón que recupere a todos os traballadores

O persoal de Metalships volve concentrarse, e manifestarase o venres ata a delegación da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O comité de empresa do estaleiro vigués Hijos de J.Barreras e os novos donos da unidade produtiva, Armón, iniciarán en próximos días as negociacións para a aplicación do Expediente de Regulación de Emprego extintivo, que suporá o despedimento dun centenar de operarios, e a representación dos traballadores reclamará “un compromiso” á empresa para que recupere a todo ese persoal “aínda que sexa máis adiante”.

Así o trasladou o presidente do comité, Sergio Gálvez (UGT), en declaracións aos medios durante unha nova concentración de protesta que tivo lugar este xoves ás portas do estaleiro. Gálvez explicou que a principal reivindicación agora é que Armón asuma o compromiso de dar unha alternativa aos traballadores que se “van á rúa”, e instou á Xunta a presionar á empresa nese sentido. “Un centenar de despedimentos parécenos desorbitado se, como din, vai haber carga de traballo”, sinalou.

Segundo lembrou, a propia Armón “está a vender” que haberá carga de traballo sostida en Barreras, que se construirán ferris e outro tipo de embarcacións. A pesar de manifestar as súas “dúbidas”, Segio Gálvez afirmou que, “se é así, debe haber un compromiso maior” cun persoal que ten anos de experiencia e formación.

O presidente do comité asegurou que a maior parte dos operarios están “dispostos a esperar” se a empresa se compromete a incorporalos, aínda que non sexa de forma inmediata, nos seguintes meses tras o reinicio da actividade na bancada. “Se non, extínguese emprego de calidade, e non ten sentido que, se hai carga de traballo, logo teñan que ir ao mercado laboral buscar operarios cualificados”, apostilou.

“SITUACIÓN CONVULSA” E “ESTRATEXIA” DE DESMOBILIZACIÓN

Pola súa banda, o responsable de FIC-UGT na comarca de Vigo, Rubén Pérez, advertiu de que o sector vive unha “situación convulsa” e non descarta que haxa unha “estratexia” por parte das empresas principais para desmobilizar os traballadores e “debilitar o movemento sindical”. “Hai que lembrar que o naval sempre foi combativo e cunha gran implicación dos traballadores”, sinalou.

Así mesmo, lembrou que se están producindo despedimentos, non só en Barreras, senón en estaleiros como San Enrique (antiga Factorías Vulcano) ou Metalships, onde “se cruzaron certas liñas” e “se atreveron” despedir os presidentes dos comités. Por iso, apostou por “deixar á marxe” as diferenzas “lexítimas” entre sindicatos para articular unha folla de ruta común e dar unha “resposta unitaria” a esta situación.

Finalmente, advertiu de que as empresas non están a contar cos traballadores para “xerar unha nova dinámica” no sector ante a inminente chegada de axudas vinculadas ao PERTE do naval, e subliñou que é “un grave erro” responder á implicación dos persoais con “represión sindical” e “xerando conflitividade social”.

MÁIS MOBILIZACIÓNS

Paralelamente á concentración ante o estaleiro Hijos de J. Barreras, o persoal de Metalships tamén se concentrou nas súas instalacións, nunha xornada con paro parcial, para denunciar o bloqueo na negociación do convenio e o despedimento de dous operarios, entre eles o presidente do comité, José Fernández Vila, de CC.OO.

Este sindicato convocou tamén, para este venres, unha concentración de traballadores ás portas do estaleiro Freire, á ‘hora do bocadillo’, ás 10,30 horas, “en defensa do sector” e contra a “represión sindical”. Igualmente, este venres terá lugar unha manifestación que sairá ás 11,00 horas de Metalships, en Teis, en dirección á delegación territorial da Xunta en Vigo.

ÚLTIMAS

Detido en Vigo un home por agredir a súa nai cun tenedor tras unha discusión por un bote de perexil

A Policía Local de Vigo detivo este domingo a un home de 29 anos...

Home de 50 anos afúndese na Punta da Foz en Baiona

Un home de arredor de 50 anos, natural de Ourense, sufriu este domingo un...

Xulgan en Vigo un home acusado de estafar máis de 158.000 dólares na compra de produtos do mar

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará este...

Anulan unha cláusula chan nunha hipoteca de 2005 por falta de transparencia

O Xulgado de Primeira Instancia de Vigo declarou nula unha cláusula chan incluída nun...