InicioSociedadeSegue o "maltrato" no xeriátrico 'Mi Casa': "É urxente acabar co sufrimento...

Segue o “maltrato” no xeriátrico ‘Mi Casa’: “É urxente acabar co sufrimento desta xente”

"É urxente acabar co sufrimento desta xente", sentenzan dende Vellez Digna, que xunto coa asociación de Traballadoras de Residencias de Galicia, denunciaron ante Política Social e Sanidade a "situación de abandono" en que se atopan os residentes deste centro de Pazos de Borbén.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha inspección médica, as oportunas derivacións a hospitais, unha supervisión profesional das dietas, a contratación de persoal cualificado de enfermaría e persoal médico, o respecto dos dereitos laborais e a fin do “escurantismo” por parte de Política Social fronte á situación “límite” en que se atopa a residencia ‘Mi Casa’ de Pazos de Borbén. Estas son só algunhas das demandas que a asociación de familiares e usuarios Vellez Digna e a asociación de Traballadoras de Residencias de Galicia (TREGA) manteñen enriba da mesa tras unha serie de inspeccións por parte de Política Social e Sanidade que, segundo denuncian as asociacións, quedan en meras advertencias á dirección da residencia.

O xeriátrico ‘Mi Casa’, que dispón de 22 prazas financiadas pola Xunta de Galicia, saltou ao foco mediático neste mes de maio tralas denuncias de falta de medios persoais e materiais para ofrecer unha atención de calidade ás persoas maiores residentes, que chegan a presentar “úlceras, feridas e problemas na pel” agravados pola falta de hixiene e coidados, sinala Vellez Digna. Unha situación de “maltrato e de abandono” que reverte na “elevada taxa de mortalidade” que presenta o xeriátrico, propiedade de Lucía Pedroso. “Hai moitas persoas con conxuntivite por compartir toallas, ou con infeccións de ouriños”, engade o presidente da asociación, Xosé Bernández. “É urxente acabar co sufrimento desta xente”.

“ESCURANTISMO DA XUNTA”

Para ambas as asociacións que impulsaron as denuncias, a resposta dada pola Xunta “non é satisfactoria”. Política Social asegurou detectar “certas carencias”, algunhas delas “xa subsanadas” e outras en proceso de facelo, pero dende Vellez Digna critican a imprecisión e o “escurantismo” da resposta e sinalan que “a situación non cambiou moito”. “Dános a sensación de que Política Social está minimizando o que acontece alí dentro“, explica Xosé Bernández.

As mudanzas redúcense, xa que logo, a “cuestións estéticas e de limpeza”: “sabemos que incluso os puxeron a pintar, e tamén sabemos que Sanidade levou o contido dos conxeladores que non estaba en condicións, pero chegounos información de que a nai da directora empezou a enchelos de novo con sobras de comida”, engade Bernández.

As asociacións non teñen información directa da Xunta sobre o “máis preocupante”, que é a situación sanitaria en que se atopan as persoas. “Din que revisaron os informes de enfermaría e que lles recomendaron facer un rexistro de actividades vitais diarias. Entendo que isto se lle recorde a quen leva tres meses aberto, non a unha empresa con 20 anos de percorrido”, critica Bernández, que esixe ir máis alá dunha mera advertencia. “A sanción ten que caer, senón estáselle trasladando ás residencias a idea de que poden facer o que queiran sen que haxa consecuencias”.

CARENCIAS DA RESIDENCIA

Dunhas quince traballadoras empregadas no xeriátrico, son oito as que na actualidade se atopan de baixa “por ciáticas ou depresións e cadros ansiosos”, explica a presidenta de Trega, Sonia Jalda, que denuncia as condicións en que teñen que desenvolver o seu traballo. “Fan o que poden, cun estrés laboral moi grande, baixo presión, represalias e coaccións por parte da dirección“, explica. Ademais, Jalda expón que a Xunta “mente” cando di que ‘Mi Casa’ contratou unha nova persoa para levar a cabo as funcións de coordinación: “esa muller leva empregada alí 20 anos; polo momento non incrementaron o persoal e seguen sen cumprirse as ratios“, explica.

E é que precisamente a falta de persoal e a asunción de competencias que non lles corresponden está no foco das denuncias de Trega: “Hai persoal de limpeza pinchando sintróns, insulinas ou facendo probas de ouriños”. A residencia, denuncian as asociacións, conta tan só cunha enfermeira unha hora dous días á semana e cun médico catro horas á semana. Isto choca, explica Bernández, coa resposta de Política Social onde sinalan que lle requiren á residencia un informe diario das curas de feridas firmado por enfermaría. “Se non teñen enfermeira, quen vai asinar eses documentos? É delirante”, di.

A situación mantense sen cambios tamén en relación co persoal de servizo da cociña, dado que é unha limpadora quen asume esas funcións os días de descanso. “Levan 20 anos sen supervisión das dietas, os usuarios aliméntanse a base de empanadiñas fritidas, san xacobos… Comida de mala calidade, sen valores proteicos. E se hai sobras, trituran todo e fan dieta ‘túrmix’. Non hai alimentos específicos para celíacos, nin para diabéticos…”, relata Jalda, que ten constancia de que hai usuarios que piden ás propias traballadoras que lles traian da casa máis comida. O risco de intoxicación elévase ao non tomar mostras dos alimentos, alerta Vellez Digna, que engade tamén que os embases de produtos de limpeza de marca se enchen con outros de peor calidade.

Así pois, as consecuencias da falta de medios repercute directamente na calidade do servizo prestado. Ademais das infeccións e úlceras que presentan, sobre todo, aquelas persoas dependentes, a ausencia de persoal suficiente trastoca os tempos de descanso dos usuarios. “As traballadoras teñen que espertar e bañar os residentes ás cinco da madrugada para que lles dea tempo a deixalos preparados antes de saír da súa quenda ás sete da mañá. Onde queda o descanso destas persoas? Que non me digan que isto non é maltrato”, denuncia Jalda.

Dende as asociacións tamén acusan á dirección de non derivar as persoas ao hospital ata que “ás veces, xa é demasiado tarde”. “Non trasladan porque deixan de cobrar a contía da Xunta de Galicia”, di Jalda. “Se hai unha caída, póñenlle xeo, pero ao hospital non van por se queda ingresado”. As condicións estruturais da propia residencia tampouco son adecuadas, segundo indica Trega. “Parece un rancho. Teñen un ascensor onde non entra unha cama. Cando falece alguén hai que baixalo polas escaleiras. Que clase de residencia e está? En que século estamos?”.

DENUNCIADA NO 2017 POR IRREGULARIDADES

As denuncias sobre o trato dado ás persoas residentes do xeriátrico veñen de lonxe. Xa no 2017, CIG-Servizos alertara de “irregularidades tan graves como a sobreocupación” no xeriátrico, que tiña no seu interior 63 residentes cando só contaba con 58 prazas. “A irregularidade fora constada pola propia Garda Civil, que acudira ao centro a instancias da inspectora autonómica e atopara cinco persoas maiores agochadas no interior dun galpón”, denuncia a CIG nun comunicado.

Agora, as deficiencias desta residencia volven saír á luz tras as denuncias feitas públicas por malos tratos, falta de atención e de persoal e numerosas deficiencias. Dende a CIG censuran que “a Consellaría de Política Social é coñecedora das irregularidades detectadas no centro, ás que dá cobertura con informes que omiten a realidade do que alí acontece e as infraccións en materia de salubridade, alimentación, medicación e trato ás persoas residentes”.

Así mesmo, o sindicato nacionalista pregúntase se o feito de que a propietaria de Mi Casa, Lucía Pedroso, fose no seu día presidenta da Asociación de Mozos Empresarios de Pontevedra e “manteña vinculacións con altos cargos do PP na Xunta” provoca que exista un “trato do favor” por parte da Administración autonómica cara á empresa. A central ten convocada unha mobilización pola dignidade das persoas residentes e do persoal do centro o vindeiro luns 6 de xuño ás 11:30, diante do propio centro.

POR UNS SERVIZOS PÚBLICOS

Dende Vellez Digna tamén denuncian a “complicidade clara” da Xunta, que di Bernández, se converteu “nunha mera facilitadora dos intereses privados das residencias de maiores”. “As empresas fanse para gañar cartos, e non tardan en darse conta de que canta menos comida e de peor calidade, canto menos persoal, máis diñeiro gañan”, prosegue. Por iso, a asociación volve poñer enriba da mesa a necesidade de apostar por unhas residencias 100% públicas e de calidade que, ademais, funcionen como “último recurso”. “Nós cremos nun sistema baseado no principio de envellecer na casa, con asistencia a domicilio, centros de día e un servizo de Atención Primaria forte”, sentenza Bernández.

Pide así mesmo que as residencias sexan “humanas” e non “lugares cos que especular”, ademais de esixir á Xunta desterrar as prácticas de “escurantismo” e iniciar unha comunicación clara, onde as familias tamén teñan “dereito a saber o que acontece alí dentro”. Se houbese “transparencia”, di Bernández, “nada disto tería acontecido”.

ÚLTIMAS

Vigo acenderá as luces de Nadal o 16 de novembro

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade acenderá as súas luces...

Confirman 14 anos de cadea para un home por violar durante anos á filla da súa parella

A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia...

Un ano e sete meses de prisión por baleirar un extintor na Cidade da Xustiza

O home que, en outubro de 2023, baleirou un extintor nun xulgado de Vigo...

Unha extraballadora dunha residencia de Vigo acepta un ano e catro meses de cárcere por estafar 3.450 euros a unha anciá

Unha extraballadora dunha residencia de anciáns de Vigo aceptou unha pena dun ano e...