InicioSociedadeTSXG confirma que o Concello de Mos debe revisar a licenza dos...

TSXG confirma que o Concello de Mos debe revisar a licenza dos campos do Celta

O consistorio defende que "as obras non son ilegais" e poderán ampararse nun Plan Especial próximo á súa aprobación. O Celta anuncia novo recurso.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo 3 de Pontevedra, que ordenou ao Concello de Mos revisar as licenzas dos campos de adestramento do Real Club Celta e anulou a licenza dos vestiarios, desestimando os recursos interpostos pola entidade celeste e polo consistorio mosense.

O xulgado de primeira instancia ordenou ao Concello incoar, tramitar e resolver en prazo un expediente de revisión de oficio da licenza de obra outorgada en novembro de 2018 ao Celta para a execución dun campo de fútbol dobre de 16.576 m2 cun aparcadoiro de 5.500 m2.

Agora, o alto tribunal galego comparte os argumentos recollidos na primeira sentenza na que, partindo da documentación achegada (entre ela a planimetría dos dous proxectos autorizados polo Concello de Mos), chega á conclusión de que “non se pode considerar que estas obras teñan o carácter de instalacións mínimas imprescindibles para o uso a desenvolver”.

O TSXG tamén subliña que no fallo de primeira instancia “se evidencia que non ten en conta exclusivamente o tamaño das devanditas instalacións, aínda que si é certo que tal dato ofrece certa relevancia para poder considerar que se trata dun equipamento deportivo privado”.

Os maxistrados destacan que exceden “das instalacións mínimas a que se refire a lei”, á vez que indican que “se pode considerar dentro do que na propia solicitude de licenzas se denomina equipamento deportivo, ao presentar os planos do proxecto básico”. Os xuíces tamén sinalan que “debe compartirse a consideración de que, cunha marxe temporal de non máis dun ano entre un e outro acordo, se autorizaron unhas obras que conformarán un conxunto completo que constitúe unha unidade”, polo que conclúen que “precisan dun plan especial”.

RESPOSTA DO CONCELLO DE MOS

Pola súa banda, o Concello de Mos confirmou que “esgotará as vías” legais e presentará recurso de casación ante esta resolución, á vez que matizou que o TSXG estima que é necesario un plan especial que ampare as obras realizadas. “Plan que se prevé que estea aprobado definitivamente nun prazo aproximado dun mes”, puntualizaron fontes do goberno local nun comunicado remitido aos medios.

O Concello mantén que “as obras non son ilegais”, senón que “son totalmente compatibles e autorizables urbanisticamente en chan rústico, ademais de estar avaladas polos técnicos municipais e contar con informes favorables da Xunta de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea)”.

En todo caso, engaden as mesmas fontes, co Plan Especial de Dotacións, a Cidade Deportiva do Celta “sempre quedará apoiada pola legalidade urbanística”, e “non se está discutindo que se poida emprazar en chan rústico”.

O Concello de Mos aprobou nas últimas horas de forma provisional o documento para enviar á Xunta de Galicia, e que esta emita o oportuno informe para a próxima aprobación definitiva do Plan Especial da Cidade Deportiva. Dito plan foi aprobado inicialmente, sometido a información pública e conta “con todos os informes sectoriais favorables”.

ÚLTIMAS

Caballero acusa a Rueda de “traizoar a Vigo” ao dicir ‘non’ á proposta “de boa fe” do Goberno sobre vivenda

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "traizoar a...

Colas quilométricas na AP-9 ao seu paso por Vigo na mañá deste luns

A autoestrada AP-9 volveu a rexistrar colas quilométricas na mañá deste luns ao seu paso por...

O Nadal 2025/2026 contará con 11,5 millóns de luces LED e informacións das atraccións en tempo real

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a xunta de goberno local aprobou este...

Balaídos incrementará o seu aforamento a próxima tempada coa volta do Celta a Europa

O estadio municipal de Balaídos incrementará o seu aforamento a próxima tempada 2025/2026 para...