InicioSociedadeUsuarios do Vigosónico lamentan as "palabras baleiras" do Concello e piden coñecer...

Usuarios do Vigosónico lamentan as “palabras baleiras” do Concello e piden coñecer as condicións da reapertura

Malia que descoñecen o conxunto de condicións, a plataforma 'Grupos de Vigo en Loita' califica de "totalmente insuficiente" algunha das medidas anunciadas polo Concello.

PUBLICADO O

A pesar do anuncio por parte do Concello de Vigo de que as instalacións de Vigosónico reabrirían para un curso de “emprendemento musical” da Fundación Paideia e que se retomaría tamén a actividade das salas de ensaio, as bandas viguesas seguen sen coñecer nada sobre a reactivación dese servizo. Agrupadas na plataforma Grupos de Vigo en Loita, solicitaran hai máis de dúas semanas unha reunión coa concelleira de Xuventude que non chegou ata o pasado venres, xusto un día despois da rolda de prensa sorpresa do Concello coa Fundación Paideia. Nesta reunión, segundo indican dende a plataforma, non se deron tampouco detalles concretos sobre o funcionamento das salas de ensaio.

Grupos de Vigo en Loita considera que a reapertura das instalacións é un primeiro paso a celebrar, que se produce “grazas ás protestas da xente e que demostra que podería terse realizado moitísimo antes, coa instalación de medidores de CO2 e a renovación dun sistema de ventilación das salas que xa de por si funcionaba inadecuadamente antes da pandemia”. Porén, consideran o anunciado polo Concello ata o momento “totalmente insuficiente”.

“O Concello debe publicar inmediatamente as condicións das salas de ensaio e abrir xa a inscripción das bandas para este servizo, así como poñerse en contacto inmediato con todas as bandas previamente usuarias para que recuperen, de desexalo, as súas condicións previas, non se pode facer como se nada despreciando ás bandas que xa ensaiaban alí”, demandan.

Ademais, dende a plataforma critican, “unha vez máis a falla total de información ás usuarias, xa que despois de solicitar a reunión á concelleira esta nos convocou a dúas semanas vista por supostos problemas de axenda, só para facer a reunión despois do anuncio do convenio con Paideia”. “Parece que importaba máis o relato mediático que a opinión e a comunicación cos usuarios”, lamentan, ao tempo que denuncian “unha falta total de autocrítica do abandono dun servizo fundamental durante tanto tempo, no que ademais se puxo o material propio das bandas en perigo ao expoñelo a condicións de humidade e abandono inaceptables”.

Na reunión coa plataforma, a concelleira de Xuventude María del Carmen Lago Barreiro comprometeuse tamén a comezar apoiar aos grupos de Vigosónico incluíndoos nas actividades e concertos do Concello, algo que para a plataforma podería ter sucedido xa no último ano e medio e moito antes, amosando o seu escepticismo ante o que polo momento son “palabras baleiras”. Ao respecto, dende o colectivo afirman que “as bandas de Vigo non precisamos coaching, o que precisamos é o debido apoio das institucións públicas, un apoio que ata o momento non se deu en absoluto, polo que precisamos feitos, non palabras”. Tamén houbo un compromiso verbal de reactivar a Casa da Xuventude, outra das esixencias da plataforma pola situación céntrica das súas salas de ensaio, pechadas dende hai varios anos.

A pesar de que as condicións das salas de ensaio son polo momento descoñecidas, a concelleira de Xuventude si trasladou aos grupos que haberá unha redución do horario dispoñible para a estas, xa que os venres non se poderán empregar, polo menos durante a duración do curso. Os grupos de Vigo protestan tamén contra esta circunstancia, ao tratarse dun dos días de maior dispoñibilidade da xente para ensaiar. A pesar de que o convenio coa Fundación Paideia indica que o Curso non entraría en contradición co emprego das salas de ensaio, esta circunstancia demostra que si, pasando as salas de ensaio de ser a razón de ser principal de Vigosónico, e a que os grupos demandan, a un segundo plano. Dende a plataforma denuncian que “a convocatoria do curso non responde ás demandas dos grupos, non pode ser que reste horas de ensaio, que é o que si que se demanda”. Grupos de Vigo en Loita esixe tamén que se especifique que persoas de calquera idade, e non só menores de 30 anos, poidan inscribir os seus proxectos musicais para ensaiar en Vigosónico.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...