InicioSociedadeO caso do 'narcosubmarino' de Aldán chega a xuízo: os sete acusados...

O caso do ‘narcosubmarino’ de Aldán chega a xuízo: os sete acusados enfróntanse a 13,5 anos de cárcere cada un

O semisumergible transportaba máis de 3.000 quilos de cocaína en 152 fardos

PUBLICADO O

- Advertisement -

caso do ‘narcosubmarino’ afundido na ría de Aldán, en Cangas, en novembro de 2019, chegará a xuízo esta semana, coa celebración dunha vista na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, fixada para os días 13 ao 17 de decembro, na que haberá 7 acusados no banco. Cada un deles enfróntase a unha pena de 13 anos e medio de cárcere por un delito contra a saúde pública.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, tres dos acusados (os tripulantes do ‘narcosubmarino’) actuaron ao servizo dunha estrutura criminal internacional que tiña por finalidade levar un cargamento de cocaína desde Brasil a España, a bordo dun artefacto semisumerxible. Para iso, contaron coa colaboración, en diversas funcións, do resto de acusados, que eran sabedores da ilicitude do que estaban a facer.

A Garda Civil, Policía Nacional e Axencia Tributaria puxeron en marcha a mediados de novembro de 2019 un operativo de vixilancia tras recibir unha alerta do Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico, con sede en Lisboa, sobre a presenza dun semisumerxible navegando polo Atlántico en dirección ás costas galegas.

O plan dos acusados era saír ao encontro do ‘submarino’ onde se transportaba a droga (máis de 3.000 quilos en 152 fardos) á entrada da ría de Aldán e facer o transvasamento da mesma, aínda que finalmente cambiaron a súa estratexia, e pensaban afundir o semisumerxible, recoller aos seus tripulantes, un galego e dous cidadáns ecuatorianos, e recuperar a droga posteriormente.

Para levar a cabo o seu labor, os colaboradores en terra fixeron xestións para conseguir unha embarcación, unha furgoneta (para transportar a droga unha vez descargada) e realizaron varias compras nun establecemento comercial de Vigo co fin de preparar tres bolsas con roupa seca, comida enerxética, e outros efectos, destinados aos tres tripulantes do semisumerxible. Todos os preparativos fixéronse mantendo o contacto entre os acusados que estaban en terra e o galego que viaxaba no batiscafo, mediante teléfono-satélite.

SORPRENDIDOS NA PRAIA

Na madrugada do 24 de novembro, un dos implicados desprazouse ás inmediacións do punto de encontro nun coche, en cuxo maleteiro levaba as tres bolsas con roupa e comida preparadas, coa finalidade de supervisar a chegada dos tripulantes e da droga.

Pero os seus plans truncáronse porque foi sorprendido por unha dotación da Garda Civil (que descoñecía o operativo antidroga) e, tras inventar unha escusa para explicar a súa presenza na praia, abandonou o lugar. Con todo, as luces do seu coche estaban a alumar cara ao mar, e foi así como os axentes descubriron aos tres tripulantes do ‘narcosubmarino’ saíndo da auga.

Dous dos ocupantes do semisumerxible foron detidos practicamente ao momento, mentres que o terceiro, o galego, logrou fuxir e esconderse nunha casa en Punta Couso, aínda que foi localizado varios días despois e detido. As investigacións permitiron tamén deter aos outros catro implicados.

REXISTROS

Nos rexistros practicados, as forzas policiais incautáronse de teléfonos, computadores, cadernos con anotacións, diñeiro en efectivo e outros efectos relacionados coa actividade ilícita dos arrestados.

Ademais, no interior do ‘narcosubmarino’, á marxe da droga, foron localizados paquetes de galletas, latas de conserva, aceite, dúas cociñas, arroz e outros alimentos; medicamentos; aveños de hixiene persoal; e ferramentas.

A embarcación era un artefacto naval autopropulsado, sen capacidade para mergullarse completamente e cun dispositivo de escape húmido para evitar a detección térmica a través de radares, así como un silenciador para atenuar o ruído dos gases de escape. Contaba cun motor diésel de 6 cilindros e capacidade para almacenar 20.000 litros de combustible, o que lle permitía facer travesías longas sen encher.

DELITOS E PENAS

Por estes feitos, o Ministerio Público considera aos acusados autores dun delito contra a saúde pública, concorrendo o subtipo “superagravado” debido á cantidade de droga e ao uso da embarcación, e labor por persoas integradas en redes internacionais criminais. Así, pide que cada un dos procesados sexa condenado a 13 anos e medio de prisión, e que pague dúas multas de 300 millóns de euros.

Tras a súa detención, o xulgado de Cangas que instruíu a causa ordenou o ingreso en prisión provisional do sete. No entanto, co paso dos meses, todos foron quedando en liberdade provisional, salvo os tres tripulantes, para quen a Audiencia Provincial prorrogou o pasado mes de novembro a medida de prisión.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...

Condenado a 2 anos de cárcere e perda do carné por 4 anos o condutor novel que embestiu a unha motorista en Coruxo no...

O xulgado do Penal 2 de Vigo condenou á pena de 2 anos de cárcere ao...

O BNG anuncia unha batería de iniciativas contra a “inxusta exclusión” de Vigo como porto nodal

O BNG anunciou este venres unha batería de iniciativas contra a "inxusta e inxustificada"...