InicioSociedadePiden case 3 anos de cárcere e tratamento psiquiátrico por ameazar e...

Piden case 3 anos de cárcere e tratamento psiquiátrico por ameazar e atemorizar aos veciños dun edificio

O home padece un trastorno de ideas delirantes e non é consciente da súa enfermidade, segundo a forense

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía pide penas que suman 2 anos e 10 meses de cárcere para un home acusado dos delitos de acoso, danos e ameazas, por intimidar ao seu veciño, e tamén pide que sexa sometido a un tratamento psiquiátrico ambulatorio por ter diagnosticado un problema de saúde mental.

No xuízo, que se celebrou este xoves na sala do Penal 3 de Vigo, o acusado proclamou a súa inocencia e sinalou que son os seus veciños os que se meteron con el.

Segundo as acusacións e as testemuñas de cargo que prestaron declaración, o procesado alteraba a convivencia no edificio molestando aos seus veciños con música alta (o home toca a batería e é músico profesional), golpes e berros “a calquera hora do día ou a noite”. Ademais, “sempre tiña a porta da súa vivenda aberta” e chegou a ameazar de morte ao veciño que linda con el, alegando que tiña algún “aparello” que lle causaba descargas eléctricas no seu piso.

Así, varias testemuñas da acusación sinalaron que este home ameazaba con matar o seu veciño cun machete, chegando a golpear e danar a porta da súa casa, e que a súa agresividade tiña atemorizados a todos os moradores do inmoble. Incluso a Policía acudiu ao edificio nalgunha ocasión, aínda que o axente que prestou declaración como testemuña apuntou que só comprobaron que había “problemas veciñais” e ningún risco maior.

Por contra, a defensa advertiu de que “non quedou acreditada” a autoría das ameazas, xa que ningún das testemuñas puido corroborar que vise ao acusado proferir ditas ameazas. Segundo concluíu a letrada deste home, “puido haber ruídos ou unha mala convivencia, pero non ameazas de morte, e debeuse presentar unha demanda de desafiuzamento por vía civil, non penal”.

INFORME FORENSE

Na vista celebrada este xoves tamén prestou declaración o médico forense do Imelga, que explicou que o acusado padece un “cadro mental crónico” reflectido nun “trastorno de ideas delirantes”, do que non tomou consciencia. Por iso, o acusado sente prexudicado e atacado polos seus veciños “e non sabe resolver o conflito doutra maneira”.

Esta profesional destacou que o procesado necesita someterse a un tratamento e ter supervisión para non abandonar a medicación. Respecto diso, sinalou que o home non tivo problemas anteriormente, e que estes apareceron cando a súa actividade laboral diminuíu, xa que “se illou”. “O problema é que non adquiriu consciencia da súa enfermidade”, afirmou.

CONCLUSIÓNS FINAIS

Así as cousas, a Fiscalía concluíu que o acusado é autor dun delito de acoso, dun de danos e doutro de ameazas, aínda que lle aplica a eximente incompleta de alleamento mental. O ministerio público pide que sexa condenado a penas que suman 2 anos e 10 meses de prisión, e que se someta a tratamento psiquiátrico ambulatorio; tamén reclama que pague unha multa de 1.080 euros e que indemnice ao seu veciño polos danos na súa porta.

Mentres, a defensa mantivo que “non se acreditou absolutamente nada”, porque “ninguén” puido ver ao acusado ameazando ou golpeando a porta do seu veciño. Así, pediu a “absolución total” por aplicación da eximente completa de alleamento mental, ou subsidiariamente, que se lle aplique unha atenuante.

ÚLTIMAS

Aínda queda xente honesta: unha persoa acha unha bolsa con case 2.000 euros e entrégalla á Policía Local

A Policía Local devolveu ao seu lexítimo dono unha bolsa que contiña case 2.000 euros e...

Caballero pregunta a Louzán se a exclusión de Vigo do Mundial 2030 foi por “odio” ou por “instrucións de Rueda”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a acusar este mércores a Rafael Louzán,...

Deteñen por ameazas ao mozo que agredira a outro menor en Vigo en novembro

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou a detención por ameazas, este...

Un menor agredido en Vigo leva días sen ir ao insituto e recibindo ameazas, denuncian os pais

Os pais dun menor que sufriu unha agresión hai varias semanas en Vigo denunciaron...