Abrir os laboratorios á cidadanía e achegar a investigación científica e tecnolóxica á sociedade. Con estes obxectivos naceu en 2018 o programa Divulgando Ciencia Singular, unha iniciativa para que os centros de investigación da Universidade de Vigo dean a coñecer de primeira man o traballo que desenvolven. Así, dende esta fin de semana e ata finais de novembro, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic), o Centro de Investigación Mariña (CIM), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais (Cintecx), o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) desenvolverán actividades diversas para divulgar os proxectos de referencia e resultados de investigación.
As actividades son de balde, previa inscrición na web cienciasingular.gal, e pode participar calquera persoa, tanto adultos como nenos e nenas. O programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Unha maneira de facer Europa.
CIM
O centro máis madrugador é o CIM, que mañá abre as súas instalacións do campus de Vigo cunha visita guiada que terá dúas quendas, unha ás 16:00 horas e outra ás 16:30 horas. O sábado poderase visitar a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, a onde se chegará nun traxecto en barco dende A Laxe. Durante o percorrido as persoas participantes poderán aprender cuestións interesantes sobre a ría de Vigo ou descubrir o funcionamento dun robot subacuático. O programa complétase o día 29 con visitas guiadas ás instalacións do CIM no campus de Ourense.
CINTECX
A seguinte semana será o Cintecx o que abra as súas portas á cidadanía. Farao o día 28 a partir das 16.00 h, coa visita do alumnado do Bacharelato STEM do colexio Compañía de María de Vigo, para o que deseñaron un programa de actividades que comprende tres obradoiros sobre conceptos relacionados coa combustión, a intelixencia artificial ou o desenvolvemento sostible e a biotecnoloxía.
CINBIO
O Centro de Investigación Biomédica deseñou para esta celebración un ciclo de actividades arredor de tres bloques temáticos. A primeira será o 2 de novembro para escolares de 4º da ESO e 1º de Bacharelato co fin de promover vocacións científicas. Os días 4 e 9 desenvolverase as actividades de Cinbio na rúa, coa instalación de postos informativos nas cidades de Ourense e Vigo, respectivamente, nos que persoal do centro informará á cidadanía das liñas de investigación e proxectos na rúa do Paseo e na rúa do Príncipe. O 11 de novembro o edificio Olimpia Valencia abrirá as súas portas a medio cento de persoas para realizar unha visita guiada, participar en charlas e experimentos en directo. Ademais, o día 13 terá lugar unha xincana científica e a programación rematará o día 19 cunha xornada de portas abertas na Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense.
A programación do Cinbio irase cargando neste enlace.
ATLANTTIC
O Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, abrirá as súas portas ao publico xeral a finais do mes de novembro. Nesta xornada de portas abertas, o centro ofrecerá visitas guiadas as súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas, e habilitaranse espazos de divulgación nos que investigadores e investigadoras de recoñecido prestixio presentarán os seus proxectos de referencia e resultados de investigación.
ECOBAS
O centro interuniversitario de investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) tamén se une a esta actividade de promoción da investigación cun programa de actividades que comprende tres eventos. O día 26 de outubro presentarase en Vigo o proxecto Saves (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social); o día 9 e Santiago de Compostela, terá lugar o seminario de seminario de transferencia Libra de Oficio, coa participación da cooperativa Muuhlloa e o día 23, dentro deste mesmo ciclo os protagonistas serán as adegas Martin Codax.