A veciñanza de Teis e de Chapela regresa ás mobilizacións contra a “falta de solucións” sobre autoestrada AP-9. Así, a asociación veciñal de ambos os lugares convocan unha concentración en Pontevedra para o vindeiro luns 21 de xuño ás 11:00 horas diante da demarcación de estradas e ás 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.
A decisión de voltar ás mobilizacións tomouse, explican, logo da “falta dunha data real para a supresión da peaxe do tramo Redondela-Vigo e a da falta de respostas a outras reivindicacións sobre a autoestrada AP-9″, entre as que enganden a conversión en tramo urbano desde Padín, as instalacións de pantallas contra o ruído, a mellora dos pasos elevados da Xorxa e da Trapa ou obras da adenda en Chapela.
“Non cremos ningún anuncio, o que queremos é a desaparición das cabinas da peaxe en Rande e que permitan utilizar estes tramo sen pagar por parte da veciñanza”, sentenzan desde a asociación a modo de ultimátum logo de que se produciran varios anuncios por parte do Ministerio de Fomento “que non se cumpriron” desde o 2018.
Deste modo, a veciñanza reivindica que a peaxe se “suprima de xeito inmediato”. Mais non só. “Queremos lembrar a importancia e a necesidade de que a supresión desta peaxe supoña tamén a conversión da autoestrada en tramo urbano desde Padín (Teis) ata o centro da cidade, con acesos, o que permitiría reducir o elevado tráfico que padece Teis e Chapela, especialmente nas rúas Sanjurjo Badía, na Travesía de Vigo en Teis e na avenida de Vigo e na avenida de Redondela en Chapela”, sinalan no comunicado.
Non menos importante son tamén, indican, as “medidas contra contaminación acústica“, coa instalación de pantallas, debido a “elevado ruído” que padece a veciñanza que vive no entorno da autoestrada AP9. Do mesmo xeito, a veciñanza lembra que levan ata “dous anos” reivindicando a mellora dos pasos elevados da autoestrada en Teis, en concreto nos camiños da Xorxa e da Trapa, “debido á súa falta de mantemento”, ao mesmo tempo que piden solucionar a “incomunicación” destes lugares de Teis.
“Tamén está pendentes as obras de humanización na parroquia de Chapela, provocadas pola última ampliación da autoestrada AP9, as cales están aprobadas na adenda”, engaden. Por todo isto, desde a A.V. de Teis e Chapela, fan un chamamento a participar na próxima concentración en Pontevedra, para “esixir solucións ás demandas de ambas parroquias sobre a autoestrada AP-9”.