InicioSociedadeVeciños de Paramos, tres anos despois da explosión: "Estásenos criminalizando por recibir...

Veciños de Paramos, tres anos despois da explosión: “Estásenos criminalizando por recibir axudas do Concello”

Indican que aínda hai cinco vivendas en reconstrución, outra pendente de empezar e "hai xente a día de hoxe que segue sen cobrar".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os veciños de Paramos, en Tui, lembran este domingo a explosión dunha pirotecnia ilegal ocorrida o 23 de maio de 2018, despois de tres anos “moi intensos e de loita constante coas administracións”, tras os que o barrio se mostra “case recuperado”, coa “maior parte das casas” rehabilitadas.

O portavoz da Asociación de Afectados de Paramos-Guillarei Salvador García destacou que os veciños levan “tres anos moi intensos” pola situación vivida e a necesidade de ter que mobilizarse ante as administracións para solicitar e recibir axudas, e xestionar e vixiar os proxectos para a súa recuperación.

Tal e como indicou, froito da explosión houbo un total de 345 vivendas afectadas con danos diversos. Así, houbo xente que non chegou a necesitar axudas públicas, mentres que a outros estas non lles chegaron a cubrir os gastos. Do total de domicilios afectados, houbo 30 vivendas na zona cero “arrasadas”.

Neste tres anos, destacou, recuperáronse “case a totalidade” de vivendas. No entanto, hai cinco actualmente en reconstrución “que aínda non recibiron o adianto do Concello das axudas”, e hai unha sexta vivenda dunha familia con poucos recursos “que quedou en mans do Concello e aínda non ten nin a primeira pedra”.

A pesar de todo, García reparou en que “despois de tres anos, o bo é que está todo moi avanzado”. Desta forma, indicou que, “coa maior parte das casas feitas”, “vese case o final” e na asociación de afectados móstranse optimistas para que no cuarto aniversario se poida “pechar este episodio”.

Neste contexto, este domingo realizarán un acto en homenaxe ás dúas vítimas mortais da explosión, no que lerán un manifesto, entregarán un ramo e celebrarán un minuto de silencio. O acto será ás 16,00 horas no parque da Torre, zona cero do suceso.

“LOITA CONSTANTE COAS ADMINISTRACIÓNS”

Segundo dixo o portavoz da plataforma, aínda “quedan algunhas cousas polas que loitar e que conseguir”. Así, remarcou que durante este tres anos mantiveron “unha loita constante con todas as administracións”, aínda que “con algunhas houbo mellor sintonía que con outras”.

“Desde o cambio de goberno municipal empezamos a dar coa parede”, criticou acerca da súa relación co Goberno local de Tui, sobre o que denunciou que se dedicou a “retardar, entorpecer, dilatar” e, de feito, “hai xente a día de hoxe que segue sen cobrar”.

Así, indicou que nos últimos anos presentaron no xulgados catro recursos contencioso-administrativos contra o Concello para reclamar un maior importe nas axudas concedidas, dos que gañaron dous e outros dous foron desestimados –todos eles foron recorridos polas respectivas partes ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia–.

Estásenos criminalizando por recibir axudas do Concello. É triste que nos teñamos que sentir culpables por recibir un diñeiro para axudarnos; fixéronnos sentir como ladróns, estafadores“, censurou, insistindo en que “algúns levan dous anos pelexando por volver construír a súa casa”.

POSICIÓN MUNICIPAL

En canto ás vivendas do barrio de Paramos, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, trasladou que hai dous tipos de afectados, os que consideran na zona cero do incidente e o resto. A iso súmase a urbanización da contorna, que “xa se finalizou”.

De acordo coas súas palabras, na zona cero as axudas “están a tramitarse con total normalidade”. Así, apuntou que o que se tarda é o tempo que leva facer o trámite, e descartou que haxa calquera motivación política.

Sobre as subvencións na zona cero, indicou que unha está xustificada e paga; dúas están xustificadas e pendentes de pago; seis solicitaron pagos anticipados do 50 %, das que dúas están pendentes de pago; e dúas solicitaron pagos a conta ata o 80 %, tamén pendentes de pago. No que respecta ás licenzas, hai nive completamente acabadas, 13 en execución e unha sen licenza, que está requirida.

Acerca da vivenda da familia con poucos recursos, indicou que “non houbo demora” por parte do Concello, senón que “o técnico encargado de redactar o proxecto presentouno hai menos dun mes”, polo que agora “se está viabilizando”.

O comportamento do conxunto das administracións foi exemplar, e dedúcese de que, tres anos despois, agás a zona cero, o resto dos afectados xa foron indemnizados por distintas vías”, rematou.

ÚLTIMAS

SOS Sanidade Pública esixe “responsabilidades políticas” e que se rescate para o público a concesión do Cunqueiro

A Plataforma SOS Sanidade Pública da área de Vigo esixiu "responsabilidades políticas" aos culpables...

O mar como laboratorio: Galicia e Cantábrico no foco da investigación pesqueira

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Instituto Español de Oceanografía (IEO)...

As fortes choivas poden provocar deslizamentos de terras nas zonas afectadas polos lumes

Portugal e Galicia ollan con esperanza e medo a chegada das choivas dos próximos...

Precaución ante o empeoramento da calidade do aire na área de Vigo esta madrugada

Os niveis de contaminación do aire en Vigo alcanzaron á 1 da madrugada un...