O porto de Bouzas, en Vigo, recibirá en 2022 os grandes veleiros que participarán na ‘Ruta Iacobus Maris’, unha travesía de catro semanas de navegación desde Jaffa (Israel) que se converterá na ruta xacobea máis longa da historia, con 3.400 millas.
Así o selaron este venres no Liceo Marítimo de Bouzas a Xunta de Galicia e a Fundación Traslatio, organizadora da ruta. A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da fundación, Mario Cardama, asinaron o convenio de colaboración.
A ‘Ruta Iacobus Maris 2022’ consistirá en catro semanas de navegación entre os meses de xuño e xullo de 2022, coincidindo co Xacobeo 2021-22, visitando cidades cargadas de historia.
Partirá desde o porto de Jaffa (Israel) e terá escalas en Xénova (Italia), Valencia, Sevilla e O Porto (Portugal), finalizando a parte marítima en Vigo para iniciar o tramo final por terra ata Santiago de Compostela. Con iso, preténdese reproducir o mítico traslado do corpo do apóstolo Santiago.
“Desde a Xunta de Galicia estamos moi contentos de poder apoiar esta ‘Iacobus Maris 2022’ e colaborar en que se faga desde Jaffa ata Vigo, e que logo continúe a peregrinación ata Santiago. O noso obxectivo é pór tamén Vigo na ruta deste Xacobeo 2021-22 e esta peregrinación marítima é unha forma de facelo, para que ademais poida gozar todo o mundo deses grandes veleiros que van vir”, indicou Fernández-Tapias.
O convenio supón o impulso para poder asegurar a execución da ruta cos grandes veleiros cara a Vigo para apoiar o Xacobeo en 2022 e nos que se impartirán cursos de biodiversidade, navegación ou astronomía, en colaboración co grupo Compostela Universidades, para que se outorguen créditos universitarios a todos aqueles estudantes que se apunten á ‘Iacobus Maris’.
“Hai máis de 15 anos, o noso amigo Paulino Freire descubriu que hai unha lenda na que se relata un milagre que ocorreu nestas praias, en Bouzas, no momento no que os restos de Santiago viaxaban a Compostela desde Israel, e con iso creamos unha asociación para crear a ruta Xacobea, facendo ese mesmo percorrido, aínda que dunha forma máis curta. Hai seis ou sete anos pensamos en que habería que facer o percorrido completo desde Israel, e fomentar esa ruta marítima de Xacobeo”, sinalou Mario Cardama.
“A Xunta vainos apoiar e hoxe asinouse un convenio no que se dá comezo a esta ruta, na que haberá barcos que veñen desde Xénova pasando por Valencia, Sevilla, o porto e Vigo e as Rías Baixas. Ademais, hai xa dous barcos de momento que saen desde Jaffa, en Israel, e aínda queda un ano para que haxa máis interesados nesta ruta partindo desde o Mediterráneo, pondo así este camiño no mapa”, concluíu.