A exclusión das mulleres da industria tecnolóxica segue a ser, hoxe en día, unha realidade que afonda nas desigualdades e provoca un desaxuste no desenvolvemento económico e social, ademais de incidir na fenda dixital de xénero. Mentres a demanda de profesionais por parte da industria tecnolóxica vai en aumento, a participación de mulleres en estudos superiores relacionados coas TIC e coas carreiras STEM segue a ser moi baixa.
Hoxe, 22 de abril, conmemórase o Día Internacional das Nenas nas TIC, e as profesoras e investigadoras da UVigo, Rebeca Díaz e Alma Gómez, teñen moito que dicir ao respecto.
Testemuñas reais para incentivar vocacións
No Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo a presenza feminina é dun 23 %, manténdose nestas porcentaxes desde hai oito anos. Para tratar de reverter esta situación, desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación estanse a desenvolver diversas iniciativas co obxectivo de fomentar as vocacións tecnolóxicas das rapazas. «Sempre participamos nas propostas que a nosa Universidade deseña para conmemorar o Día da Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Día Internacional da Muller, ou o Día Internacional das Nenas nas TIC», comenta a directora da escola Rebeca P. Díaz Redondo, á vez que salienta a participación da súa escola ano tras ano nos obradoiros Elas Fan CienTec, «impartidos con motivo do 11 de febreiro polas propias estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e dirixidos a rapazas de secundaria».
Este ano, ademais, para conmemorar o Día Internacional das Nenas nas TIC estase a desenvolver unha recollida de testemuñas de mulleres profesionais e estudantes do sector da telecomunicación que comparten a súa experiencia a través de pequenos vídeos difundidos nas redes sociais da escola. «A idea tivo moi boa acollida entre as mulleres que participan, dado que son as primeiras interesadas en facer visible o seu traballo e tratar de incrementar a presenza feminina, actualmente tan baixa, no noso sector», subliña Díaz Redondo.
Recoñece que o seu ámbito profesional está moi estereotipado, polo que, nas súas palabras, «coñecer a potencialidade dos estudos neste ámbito, as perspectivas profesionais, as condicións reais de traballo e, en definitiva, ter a información adecuada sobre a boa proxección profesional e a calidade de vida laboral é o que permitiría desfacerse destes estereotipos, que non axudan o alumnado, en xeral, e as mulleres, en particular».
Unha perspectiva social da informática
En liñas xerais, a evolución da matrícula feminina no Grao en Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo está no 15 %, observándose unha tendencia de mellora nos dous últimos anos, coa que ten moito que ver o esforzo da Escola Superior de Enxeñaría Informática polo fomento das vocacións tecnolóxicas das rapazas.
Alma Gómez é docente e investigadora na Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e coordina, xunto con outras docentes da institución, a iniciativa Exxperimenta en Feminino, recoñecida este ano co Premio Uviguala. Esta actividade realízase desde o ano 2018 como unha feira na que mulleres investigadoras lle amosan ao alumnado de secundaria as investigacións máis relevantes do campus de Ourense. «Trátase de divulgar a presenza das mulleres nas STEM e de proporcionarlles ás rapazas referentes de mulleres investigadoras. Este enfoque foi fundamental tamén na elección do título destas xornadas, pois coa súa dobre x, que imita ao xen feminino, reforza a idea de que a investigación é algo que tamén está nos xenes da muller».
Nesta mesma liña, o centro tamén participa nas actividades da recentemente creada Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, orientada a dar visibilidade ás achegas das mulleres no mudo das TIC co obxectivo de xerar referentes femininos e espertar o interese das nenas polos títulos máis tecnolóxicos.
«Dise que as mulleres temos unha alta vocación polas ciencias da saúde e o sector social polo noso interese en axudar os demais. Se consideramos isto certo, é importante que as alumnas teñan en conta que o estudantado de Informática poderá axudar a un gran número de persoas, pois as aplicacións desta área poden causar un impacto moi positivo no mundo», comenta Alma Gómez á vez que salienta que «a informática está moi lonxe do estereotipo dunha persoa encerrada soa cun ordenador; pola contra, trata de atopar solucións a problemas do noso día a día, algo para o que é fundamental traballar en equipo».