
A Xunta de Goberno Local de Moaña acordou a resolución de caducidade do expediente da licenza de obras outorgada a Inter Burgo S.A., para a construción dun hotel en Domaio, e que foi denunciada polo colectivo ecoloxista Luita Verde.
Deste xeito, quedan extinguidos os efectos da licenza, de modo que non se poderá iniciar nin proseguir (de ser o caso) a obra, se non se autoriza cunha nova licenza acorde coa normativa urbanística.
Luita Verde solicitou que se tramitase esa caducidade en xaneiro de 2019 e pidio a mediación da Valedora do Pobo por falta de resposta do Concello de Moaña.
Agora, sinalaron fontes do colectivo, queda pendente a incoación do expediente de caducidade das licenzas de obra cocendidas en 2001 e en 2003 para a construción un cento de vivendas na zona de Golf Domaio.
Segundo denunciou Luita Verde, a día de hoxe “non hai aval das obras de urbanización das vivendas, e a maioría delas non están executadas, polo que se incumpre flagrantemente e de forma continuada as obrigacións legais de edifición e urbanización simultánea”.
Ademais, engadiu, as vivendas non teñen licenza de primeira ocupación, nin conexión co saneamento e abastecemento, “e desde hai 10 anos tampouco existe nin a máis mínima obra”.
De feito, lembrou que en 2018 a Agrupación de Interese Económico-Urbanización Golf Domaio, constituída polos propietarios das poucas vivendas rematadas, pretendeu a venda global das parcelas do sector B a través dun investidor con ‘fondos voitre’. Deste xeito pretendían obter fondos para urbanizar e supostamente legalizar as vivendas, algo que tampouco se fixo.
Finalmente, Luita Verde lembrou que os expedientes para deixar sen efecto ambas as licenzas “tiñan que estar resoltos fai máis dunha década”, xa que foron incoados en 2008, pero deixáronse caducar e quedaron sen efecto as medidas cautelares adoptadas para paralizar as obras.