O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Cangas acordou o sobresemento provisional do procedemento penal aberto contra DomusVi e dous altos cargos da Consellería de Política Social da Xunta, por mor dunha querela presentada polas fillas de dúas usuarias da residencia de Cangas que se contaxiaron de covid-19 durante a primeira onda da pandemia. Unha delas acabou falecendo.
O xuíz maxistrado ditou un auto, datado o pasado 25 de marzo, no que decreta o arquivo das actuacións ao entender que “non existen indicios fundados de responsabilidade penal”, aínda que advirte que esta decisión non significa “que non existise responsabilidade algunha” por parte dos demandados.
En concreto, a querela estaba dirixida non só contra o grupo empresarial DomusVi, senón tamén contra a súa conselleira delegada en España, Josefina Fernández; contra a directora do centro de Cangas, Laura Cancelo; e contra os entón director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e xefa de Inspección de Maiores e Discapacitados da Xunta, Ildefonso de la Campa e Berta Besada.
A querela foi presentada o 16 de xuño de 2020 polas fillas de dúas usuarias do xeriátrico de Aldán que contraeron o coronavirus. No escrito, acusábase aos presuntos responsables de delitos de homicidio, lesións por imprudencia profesional, e abandono de discapacitados.
O XUÍZ ADMITIRA “PARCIALMENTE” A QUERELA
No auto que agora dita o arquivo da causa, recollido por Europa Press, o maxistrado lembra que no seu momento xa admitiu “parcialmente” a querela para, en función das declaracións tomadas, o historial médico das usuarias afectadas e o tratamento recibido, tratar de “delimitar a responsabilidade” dos querellados en canto a se existiu algunha “imprudencia profesional” que propiciase o contaxio de covid-19 de ambas as anciás e o falecemento dunha delas.
Naquel auto de admisión, ditado en xullo de 2020, xa se advertía que “non se trata de investigar” a DomusVi nin á residencia de Cangas, posto que os feitos descritos na querela “non son en gran parte constitutivos de infracción penal”, aínda que si “poida haber nalgún caso unha deficiente información aos familiares das residentes por parte do seu persoal ou unha atención deficitaria”. No entanto, considerábase que, de existir algunha neglixencia ou incumprimento de contrato, “non é o dereito penal o que debe dar resposta”.
Por isto mesmo, as dilixencias abertas polo xulgado serviron para investigar se houbo “accións ou omisións que provocasen” o contaxio de covid-19 e o falecemento, á vez que refugaron outras dilixencias solicitadas na querela.
NON VE “ERRO” NIN “NEGLIXENCIA”
Á vista de todo iso, o titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Cangas (Pontevedra) decidiu o pasado 25 de marzo que “non cabe outra decisión” que o sobresemento. “Os informes médico forenses emitidos son claros e manteñen que a atención dada (…) axústase á ‘lex artis’, segundo o cadro clínico que presentaron, non atopando ningún erro ou neglixencia na actuación dos sanitarios que a atenderon”, conclúe.
Iso si, o auto engade que con esta decisión xudicial “non se mantén que non existise responsabilidade algunha” por parte dos querellados, senón que “o que se mantén é que non existen indicios fundados de responsabilidade penal”. A raíz do sobresemento provisional destas actuacións, DomusVi emitiu un comunicado no que subliña que, aínda que a resolución non é firme e aínda se pode apelar, veo “complicado” dado que “existen uns informes médicos” que insisten en que “a actuación do centro foi correcta”.