Este venres foi o segundo día na illa grega de Lesbos para María e Alberto, activistas que nos trouxeron os Elefantes de Papel. Tras axudar onte aos máis cativos a superar o medo ao mar, consecuencia da difícil travesía que viviron e na que moitos viron esnaquizadas as súas familias para sempre, nesta segunda xornada comprobaron o mal estado no que sobreviven os refuxiados no campo de Pikpa.
Esperaron á Ong Proem-Aid na praia e, ao intre, “as cariñas dos cativos apareceron ao lonxe, devecendo por esquecer por uns minutos a calor abafante do campo de refuxiados”, lembran María e Alberto.
Porén, entre os monitores, Luís non amosa o seu mellor sorriso. Deseguido saben o motivo: “O vindeiro martes collerá o avión para volver a Málaga. É complicado decir adeus a esta experiencia, porque sempre marchas coa sensación de deixalos abandonados”.
Na auga organizaron un partido “no que non había idades, nin equipos, nin vencedores ou vencidos. Desta volta gañamos todos”.
Entre as anécdotas que lles contaron este día, destacan “a dun pequeno a quen a ONG lle regalou un par de lentes para nadar e o seu pai explicaba como, esperanzado, durmira con elas toda a noite”.
E prosiguen así o seu relato: “Coñecimos a “movil kitchen” xestionada por Julio, un “container” que agocha ilusións e reparte duascentas comidas diarias “de verdade” entre os “refuxiados” de Moria; visitamos a One happy family, un centro comunitario de voluntarios onde cada un aporta o que pode: dende clases de idiomas a unha biblioteca, complementando, deste xeito, as escasas axudas do goberno”.
Tamén estiveron con Gema Carrasco, “unha muller que, a raíz dunha estadía no campo grego de Idomeni, aparcou a súa vida e o seu traballo para dedicarse a botar unha man”.
A ela entregáronlle os teléfonos móbiles que recolleron nos peches de proxecto do libro solidario Elefantes de papel. “Isto aquí é ouro”, comentou agradecida.
A visita ao campo de Moria golpeoulles a conciencia aos nosos Elefantiños: “Milleiros de tendas de campaña amoréanse nun lado do cerro a pleno sol. O lixo acumúlase ás portas. O cheiro é indescritible. A miseria, a necesidade extrema lémbranos que o ser humano pode chegar a sobrevivir con nada. O verdadeiro problema preséntase cando o temos todo e non nos chega”.