InicioVal MiñorNigránA xuízo o funcionario vigués que aceptou subornos pagados con prostitución, implicado...

A xuízo o funcionario vigués que aceptou subornos pagados con prostitución, implicado na trama Patos

Fiscalía pide para o empregado público un ano de prisión e tres de inhabilitación

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xerente da construtora Eiriña, Enrique A.P., volverá sentar no banco dos acusados por unha peza separada da coñecida como Operación Patos, e farao xunto a un alto funcionario do Concello de Vigo, ambos acusados de suborno, polo suposto pago de servizos de prostitución a cambio de beneficios na adxudicación de obras.

Así, un tribunal popular xulgará, entre o luns e o xoves, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo), a este empresario e ao xefe de servizo da Concellaría de Fomento, Álvaro C.C. Para o funcionario, a Fiscalía pide 1 ano de prisión e 3 de inhabilitación para cargo ou emprego público, mentres que para o construtor reclama 9 meses de prisión e inhabilitación especial para desempeñar traballos que teñan que ver coa construción e contratación pública.

Segundo o ministerio público, polo menos en dúas ocasións (o 21 de xuño de 2013 e o 14 de febreiro de 2014) este funcionario mantivo encontros con prostitutas, cuxos servizos foron contratados e pagados por Enrique A.P.

A Fiscalía sostén que o empresario pagaba eses servizos a Álvaro C.C. en atención ao cargo que desempeñaba no Concello de Vigo, no que participaba en procesos de adxudicación de obras e servizos contratados pola administración municipal.

OPERACIÓN PATOS

Estes feitos concretáronse en fase de instrución nunha das pezas separadas da coñecida como Operación Patos, unha investigación sobre unha suposta armazón de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e outros delitos, en relación coa adxudicación de obras públicas de diversas administracións. O nexo común dos procesos era case sempre o xerente da construtora Eiriña, considerado o ‘conseguidor’ dos contratos.

A investigación desa trama saltou á luz pública en febreiro de 2014, cando foron detidos catro empresarios e un concelleiro de Nigrán. Ao longo da instrución xudicial chegaron a estar investigados case medio centenar de empresarios, políticos e funcionarios de Vigo e outras localidades da provincia, e a causa separouse en varias pezas.

No entanto, case todos os procedementos foron arquivados porque, segundo indicou a Fiscalía no seu día, moitos dos feitos e comportamentos, aínda que “reprochables”, non eran calificables como delitos.

Das múltiples frontes abertas pola Operación Patos, só chegaron a xuízo catro pezas: unha relativa a obras en Nigrán, que se saldou cun acordo de conformidade; outra pola adxudicación dunha obra no Porto de Vigo (na que tanto o xerente de Eiriña como os outros acusados foron absoltos); o caso dunha adxudicación dunha obra dun campo de fútbol en Moraña (que se xulgou este venres en Pontevedra, con Rafael Louzán e a delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, entre os acusados); e o caso de suposto suborno mediante o pago de servizos de prostitución, que se xulgará a semana que vén.

ÚLTIMAS