InicioSociedadeUn xuíz ratifica o illamento obrigatorio dunha viguesa que se saltou a...

Un xuíz ratifica o illamento obrigatorio dunha viguesa que se saltou a corentena e deu positivo en COVID-19

Sen coñecer os resultados, a muller, de 75 anos, foi ao centro de saúde de Teis, rompendo o seu confinamento, para recoller unhas agullas para inxectarse insulina. Dixo que non sabía que debía gardar corentena.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo ditou un auto no que ratifica a resolución da Dirección Xeral de Saúde Pública ordenando o illamento domiciliario obrigatorio dunha veciña da cidade por ter contacto cun caso positivo de COVID-19 e que acabou contaxiada.

Os feitos remóntanse a finais de outubro, cando esta muller, de 75 anos de idade e con varias patoloxías (entre elas, obesidade, diabetesa e problemas respiratorios), referiu a un médico mediante consulta telefónica que se atopaba “cansa”.

Ao día seguinte, 1 de novembro, nunha nova consulta telefónica á PAC, a muller detallou que tiña tose, cansazo e perdera o olfacto, e explicou que tivera contacto coa súa filla, que dera positivo por COVID-19.

Por iso, os servizos facultativos prescribíronlle a realización dunha proba PCR e indicáronlle que debía manterse en corentena domiciliaria. Dita proba foi realizada o 2 de novembro e, aínda sen coñecer os resultados, a muller foi o 3 de novembro ao centro de saúde de Teis, rompendo o seu confinamento, para recoller unhas agullas para inxectarse insulina.

No centro de saúde, o persoal que a atendeu comprobou que estaba pendente de coñecer o resultado dunha PCR e apercibíuselle por non quedarse na súa casa. A muller afirmou que non sabía que debía gardar corentena.

O 4 de novembro tívose noticia de que o resultado da proba fora positivo en COVID-19 e contactouse telefonicamente coa paciente pola mañá, pero ninguén respondeu á chamada. Sanidade notificou a situación á Policía Local de Vigo para que comprobase se estaba a respectar o illamento e, dous días despois, a Dirección Xeral de Saúde Pública ditou unha resolución de illamento obrigatorio, ata que a muller “deixase de representar un risco para a saúde pública”.

SOLICITUDE ANTE O XULGADO

O 9 de novembro a Consellería de Sanidade presentou ante o xulgado Contencioso Administrativo de Vigo unha solicitude para que ratificase esa medida de illamento obrigatorio, algo que fixo o xuíz a través deste auto, tras o aval do Imelga e a posición favorable da Fiscalía.

O maxistrado sinala na súa resolución que hai numerosa normativa e xurisprudencia que xustifica a adopción desa medida en aras de preservar a saúde pública, especialmente nun contexto como o actual de pandemia e tendo en conta que unha das principais medidas para cortar as cadeas de contaxio é o illamento de casos positivos ou de casos sospeitosos (para unha detección precoz).

No entanto, na súa resolución o xuíz tamén establece que o Sergas debe garantir que a muller é atendida das súas outras patoloxías mentres está en corentena, e que a súa situación se avaliará periodicamente. Así mesmo, Sanidade debe informar o xulgado cando desapareza o risco.

Por outra banda, pediu que se dea traslado deste caso aos servizos sociais do Concello de Vigo, por se a muller necesitase asistencia ou atención durante o período de illamento domiciliario.

ÚLTIMAS

Falece un traballador en Mos tras caer desde altura na parroquia de Sanguiñeda

Un traballador faleceu este mércores no municipio pontevedrés de Mos tras precipitarse ao baleiro...

Longas retencións e feridos tras un aparatoso accidente entre catro coches na VG-20 de Vigo

Tres persoas resultaron feridas na mañá deste xoves tras rexistrarse un aparatoso accidente con...

Vigo traslada a gala da Reconquista ao Auditorio Mar de Vigo para ampliar o aforamento

O Concello de Vigo ultima os preparativos para a gala da Reconquista, que se...

O Celta busca un talismán contra o Real Madrid; a camisola celeste que luciu Madonna no 1990

O Real Club Celta puxo en marcha unha rechamante iniciativa co fin de localizar...