InicioSociedadeA Universidade de Vigo impulsa seis investigacións para loitar contra a Covid-19

A Universidade de Vigo impulsa seis investigacións para loitar contra a Covid-19

En colaboración con outras universidades, empresas, hospitais e centros de investigación, a UVigo acadou fondos en convocatorias extraordinarias moi competitivas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O impacto da pandemia na nosa sociedade puxo en valor a importancia da I+D+i e colocou a ciencia e a innovación na primeira páxina da axenda pública. Ante esta situación excepcional, “o persoal investigador da Universidade de Vigo colaborou desde o primeiro momento achegando materiais de protección e de desinfección desde os seus laboratorios e, máis adiante, desenvolvendo proxectos de investigación que achegasen solucións desde os diferentes ámbitos, demostrando que a interdisciplinariedade é un valor engadido na ciencia”, salienta a vicerreitora de Investigación Belén Rubio. Desta maneira, en colaboración con outras universidades, centros de investigación, empresas, hospitais e fundacións biomédicas, desde a Universidade de Vigo lográronse fondos en convocatorias extraordinarias moi competitivas.

A crise da covid-19 puxo de manifesto que investir en ciencia impacta positiva e directamente na vida das persoas, un investimento que, en palabras da vicerreitora de Investigación, ” se transforma neste caso en diagnósticos, tratamentos e vacinas, aspectos nos que a UVigo tamén está a contribuír con estes proxectos de investigación”.

SEIS PROXECTOS, SEIS SOLUCIÓNS

Ao abeiro do Fondo Supera Covid-19, froito da colaboración entre o Banco Santander, as universidades españolas, a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas
(CRUE) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Universidade de
Vigo acadou varios proxectos. Epicovigal, liderado polo catedrático David Posada, é un
proxecto que ten o reto de entender a evolución e a circulación do SARS-CoV-2 en
Galicia a través da análise xenómica de mostras de pacientes contaxiados, co obxectivo
último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este
virus.

O potencial científico da institución na loita contra a pandemia tamén está presente a
través de SERSforSARS, liderado por Lorena Vázquez-Iglesias e Jorge Pérez-Juste,
investigadores do grupo de Química Coloidal. A principal vantaxe do test no que están a traballar é que faría posible detectar cantidades de virus máis baixas o que, á súa
vez, permitiría detectalo antes.

Pola súa banda, o proxecto DIMCoVAR, no que está implicado o investigador do grupo
BiotecnIA, Claudio Cameselle, pretende detectar a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais de tal maneira que permita predicir a evolución da pandemia. O principal beneficio desta iniciativa está en poder detectar de forma temperá a presenza ou a ausencia do virus nunha comunidade.

Por último, e tamén financiado polo Fondo Supera Covid-19, o proxecto Lira-Covid19,
no que participa o director do Laboratorio de Endocrinoloxía (LabEndo), Federico Mallo, é un ensaio clínico co que se trata de demostrar que o fármaco liraglutide, con capacidades moi importantes para mellorar a funcionalidade do pulmón, sería quen de mellorar a pneumonía grave por SARS-CoV-2.

Pola súa banda, o proxecto liderado polo profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Higinio González, e financiado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, ten como obxectivo principal o desenvolvemento dun sistema de desinfección con dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados como os drones.

Con financiamento do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), o estudo Predico ten como obxectivo predicir a evolución da expansión e a incidencia da pandemia. O equipo de investigadores, entre os que está o profesor do Departamento de Matemática Aplicada II, Iván Area, deseñou un método para calcular o posible número de camas necesarias nas unidades de coidados intensivos (UCI) para evitar a saturación mediante a estimación de persoas infectadas.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...