Piden 14 anos de cárcere para o acusado de tentar matar á súa muller provocando un accidente no Corredor do Morrazo

A parella estaba en trámite de separación.

Autovía do Morrazo / © Miguel Núñez.

A Fiscalía pide penas que suman 14 anos de cárcere para A.M.R.G., un home que, en xuño de 2018, tentou matar á súa muller provocando un accidente de tráfico no Corredor do Morrazo, e que será xulgado este xoves na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Os feitos remóntanse a xuño de 2018, cando o acusado e a súa muller, que teñen en común unha filla, estaban en trámites de separación. Segundo o escrito de acusación pública, A.M.R.G. “non aceptou de bo grado” esa separación e, aínda que xa non convivía co seu cónxuxe, seguía en contacto con ela e atopábanse periodicamente, momentos nos que el lle reprochaba de forma continua “que o enganase con outro”.

O 14 de xuño de 2018, o acusado seguiu na súa furgoneta á súa muller cando esta saíu do seu domicilio en Vigo e, cando ela terminou de facer unhas xestións, chamouna e pediulle que subise ao vehículo para ir tomar algo a unha cafetaría de Chapela, en Redondela, e falar da súa filla.

Ao chegar ao establecemento, en lugar de parar, o acusado continuou a marcha e accedeu á autoestrada AP-9 por unha rotonda, á vez que comezou a increpar á súa muller para que lle confesase se o estaba a enganar con outro home.

A pesar das protestas dela, el continuou a marcha en dirección a Cangas, accedendo ao Corredor do Morrazo e, durante todo o traxecto, insistiu á súa muller para que lle dixese se era infiel. Así mesmo, o home ameazouna dicindo que ía encaixar ” o coche” e provocar a morte de ambos.

COLISIÓN

A muller tratou de chamar ao 112, mentres que a súa parella, cada vez máis agresiva, quixo evitalo, provocando que ela lle mordese a man. Nese momento, circulando polo Corredor do Morrazo, que estaba en obras e co tráfico limitado a un carril, formouse unha pequena caravana de vehículos.

O acusado, con ánimo de acabar coa vida da súa muller e consciente de que menoscababa a seguridade do tráfico, acelerou “de forma moi considerable” e levou por diante un pivote. Tras dicirlle ao seu acompañante que se puxese o cinto porque se ían a “matar” e dicirlle “adeus”, impactou contra un turismo que, á súa vez, acabou chocando contra un muro, tras dar varias voltas.

ATROPELO

Unha vez detidos, A.M.R.G. díxolle á súa muller que o intento lle saíu ” mal” e saíu do coche para interesarse polo estado do outro condutor. O seu acompañante comezou a gritar e a pedir que chamasen á policía porque o seu marido quixera matala. Nese momento, o acusado cruzou a estrada, saltou a mediana e tirouse á mantenta encima dun turismo que viña en dirección contraria, e que non puido facer nada por esquivalo.

Como resultado destes feitos, a muller sufriu unha escordadura cervical, unha lesión nun ombreiro, traumatismo torácico, unha contusión nun pé e unha crise de ansiedade. Tamén sufriu lesións o condutor do turismo contra o que chocou deliberadamente, cuxo coche quedou sinistro total.

DÚAS TENTATIVAS DE HOMICIDIO

Por estes feitos, a Fiscalía pide que condenen a A.M.R.G. a 8 anos de prisión pola tentativa de homicidio da súa muller; e a 6 anos de cárcere pola tentativa de homicidio do condutor do coche contra o que impactou. O ministerio público entende que concorre a circunstancia agravante de parentesco no primeiro delito e que tamén concorre, nos dous delitos, a circunstancia atenuante de alteración psíquica.

Finalmente, reclama que o acusado indemnice en 6.777 euros á súa muller, e en 7.344 euros ao condutor do turismo contra o que chocou. Así mesmo, pide que indemnice ao condutor do outro coche, polos danos causados no vehículo cando se tirou diante para provocar que o atropelase.