InicioSociedadeSen planificación, inversión nin medidas para a volta ás aulas en Galicia...

Sen planificación, inversión nin medidas para a volta ás aulas en Galicia logo de tres meses de pandemia

Nova Escola Galega súmase ás reivindicacións de sindicatos e colectivos e tacha ao Executivo autonómico de "irresponsable" por non poñer a disposición da educación os medios necesarios para un regreso seguro ás aulas.

PUBLICADO O

A crise da Covid colocou no centro a propia vida, e como consecuencia, “o carácter público e universal dos servizos que garanten o benestar colectivo”. O colectivo Nova Escola Galega reivindica, neste sentido, a relevancia do sistema educativo galego e denuncia a “década de recortes económicos, intensificación do labor docente, vulneración de dereitos laborais, limitacións na participación democrática nos órganos colexiados, xunto a unha significativa falta de medios materiais e humanos”.

Por iso mesmo, valoran que a pesar desta difícil realidade, o sistema conseguira adaptarse ás circunstancias motivadas pola pandemia grazas ao “meritorio e coordinado” esforzo da comunidade educativa; “non así da Administración, lastrada por un lento, burocrático e xerárquico proceder”, indican desde Nova Escola Galega.

“O presidente da Xunta da Galiza teima en defender as receitas neoliberais que tanto enfraqueceron o noso sistema educativo nos últimos anos”. Entre elas, exemplifica o colectivo, atópase a solicitude que Alberto Núñez Feijóo fixo ao Estado de destinar os aproximadamente 120 millóns de euros inicialmente asignados ao desenvolvemento de medidas de seguranza no ensino, por causa da Covid19, a outros fins como o financiamento da escola privada-concertada, da cal fan parte cinco centros do Opus Dei que segregan o alumnado por razón de sexo. 

“NINGÚN EURO”

Desta maneira, NEG denuncia que o goberno do Partido Popular “non destinará ningún euro” para aumentar espazos ou contratar o profesorado necesario para atinxir unha redución dos grupos a 15 alumnos, tal e como recomendan as autoridades sanitarias para diminuír os riscos dun posible rebrote do virus no próximo ano académico. Por iso, tachan o goberno galego de “grave irresponsabilidade” por non poñer a disposición da educación os medios necesarios para evitar contaxios. 

“DESPROTECCIÓN DA LINGUA GALEGA”

Á par da “discriminación” do goberno polo ensino público atópase tamén, segundo NEG, a “desprotección da lingua galega” nas escolas. A anulación das convocatorias de axudas para proxectos de fomento do uso do galego, nos centros públicos e privados, foi feita sobre a hipótese de que a pandemia tería impedido o desenvolvemento de ditos proxectos. No

entanto, indica o colectivo, son numerosas as Equipas de Normalización e Dinamización da Lingua Galega que teñen realizado gastos para este fin. 

Por último, Nova Escola Galega fai un chamado colectivo á defensa do ensino público galego e esixe directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un compromiso firme na súa protección e potenciación. Do mesmo xeito, demanda o cumprimento das correspondentes garantías sanitarias para a escolarización do alumnado no próximo ano académico, así como a defensa dos seus dereitos lingüísticos e culturais “gravemente ameazados, tal e como sinalan organismos internacionais”. “Crianzas, familias e profesionais merecen respecto”, sentenzan.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...