InicioSociedadeA familia de Déborah Fernández lamenta "o trato" e a "falta de...

A familia de Déborah Fernández lamenta “o trato” e a “falta de interese” de Policía e Interior por aclarar o crime

Pediron ao ministro Grande-Marlaska "que interveña" para que Homicidios atenda as súas peticións de información.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A familia da moza viguesa Déborah Fernández Cervera, cuxo cadáver foi localizado a finais de abril de 2002 nunha cuneta no Rosal, días despois de desaparecer, lamentou “o trato” e a “falta de interese” por parte da Dirección Xeral da Policía e do Ministerio do Interior na investigación xudicial, reaberta a finais de 2019, para esclarecer este crime.

A través dun comunicado, esta familia explicou que, tras varias peticións infrutuosas á Policía, así como outras xestións, para conseguir que se remitan ao xulgado certos informes sobre o caso, tiveron que dirixirse directamente ao Ministerio do Interior.

Nunha carta enviada polos avogados dos Fernández Cervera, pediron ao ministro Grande-Marlaska “que interveña” para que o Grupo de Homicidios atenda as peticións desta parte.

Así, lembraron que reclaman que se facilite á familia ou á xulgado información sobre a recollida e análise do computador e o teléfono móbil da vítima, e que se investigue a actuación de certos axentes policiais polos seus posibles vínculos (e filtración de información) cunha persoa que era sospeitosa do crime.

A familia obtivo, como resposta do Gabinete do Ministerio, o compromiso de remitir as súas peticións á Dirección Xeral da Policía. Na mesma resposta, a directora do Gabinete expresa que lamenta que “as xestións realizadas para o esclarecemento do caso de momento fosen infrutuosas”.

Os achegados da moza Déborah Fernández expresaron o seu “enorme malestar e desilusión” por esta resposta, e reiteraron que reclamarán as responsabilidades oportunas ao Estado pola “neglixente” actuación da Policía neste caso.

CRIME SEN RESOLVER

O Xulgado de Instrución número dous de Tui reabriu a finais de 2019 o caso de Déborah, 17 anos despois do asasinato da moza, para proceder á práctica de novas actuacións. Desde entón, varias testemuñas declararon ante a xuíza.

Déborah Fernández-Cervera (21 anos) desapareceu a finais de maio de 2002, despois de saír a correr pola zona de Samil en Vigo. O seu corpo foi atopado espido dez días despois nunha cuneta no concello O Rosal, a uns 40 quilómetros de distancia.

A súa familia puxo en marcha a principios do ano pasado unha campaña na plataforma ‘Change.org’ que recolleu máis de 230.000 firmas para que se reabrise o caso Déborah, que foi arquivado en 2010, sen que se chegase a deter ou a imputar formalmente a ninguén.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- Salvar a Ría de Vigo e recuperar a saude pública

Dende esta primaveira un grupo crecente de persoas e asociacións da cidade de Vigo...

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Un veciño de Vigo recibirá máis de 12.000 euros tras caer nunha escaleira mollada sen sinalización

A sección sexta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...