As traballadoras da asociación Traballadoras de Residencias Galegas (TreGa) denuncian que a empresa DomusVi acaba de deixar sen directora a residencia de Bembrive, centro de titularidade pública mais de xestión privada. Segundo sinala TreGa no seu comunicado, a directora deste centro foi enviada á residencia de Aldán, unha das intervidas pola Xunta coa de Barreiro. Din non entender a decisión da empresa para deixar sen ninguén á fronte de Bembrive dentro das actuais circunstancias de epidemia da COVID-19.
Por outra parte, destacan que en Aldán xa están o director nomeado pola Xunta e a directora do centro, do cadro de persoal de DomusVi. As traballadoras interpretan a decisión de enviar á directora de Bembrive como a encargada de “orquestar unha caza de bruxas”. O motivo sería descubrir quen realiza filtracións á prensa “en vez de atender as súas responsabilidades como directora do seu centro de traballo”.
Ademais disto, denuncian que DomusVi tampouco realizou contratación de persoal para a residencia de Ribadumia e así levar adiante o seu “normal funcionamento”. Apuntan que as traballadoras desta residencia seguen traballando en quendas de nove ou dez dúas sen libranzas, sen cubrir incapacidades temporais nin permisos retribuídos.
Consideran que se está levando adiante un labor de castigo contra o persoal que se está manifestando para reclamar melloras. Así, denuncian que se envían a postos “penosos e sen rotación” ao colectivo de traballadores que reclaman melloras laborais. Entenden que isto cuestiona a profesionalidade do colectivo.
Finalmente, TReGa declara que a día de hoxe o persoal da residencia de Aldán, propiedade de DomusVi, foi reforzado de maneira acaída, con varios médicos, limpadoras para turno de noite e a presenza de enfermeiras e auxiliares aumentou en cada quenda.