Unisono Vigo, empresa con máis de 1000 traballadores no sector das teleoperadoras, informou na noite deste martes dun caso de contaxio de COVID- 19 nun dos centro que ten na rúa Valencia 22 en Vigo. Tamén confirmou outros dous casos en Madrid.
Traballadores e sindicatos denunciaron nos últimos días que esta situación podía pasar xa que traballan “sen medidas de protección de 1,5 metros de separación entre traballadores, sen máscaras, sen luvas e con poucos recursos de xel hidroalcoholico, nun centro de mais de 100 persoas vinculadas directamente e con contacto diario cos outros centros da rúa Gran Vía 104 e 110, compartindo traballadores ao longo do día dun centro a outro, cun total de 1000 persoas nos 3 centros en Vigo”.
A empresa, nun comunicado remitido aos traballadores, asegurou que esta persoa traballadora xa se atopaba de baixa laboral dende fai uns dias. Con todo, anunciou que procederá a unha “limpeza exhaustiva” do local para evitar o avance do virus.
Os traballadores critican que non se activou “ningún protocolo”. “Isto é intolerable e unha falta de respecto e de humanidade aos 1000 traballadores que realizan o seu traballo de forma obrigatoria, Obviando o RD 463/2020 decretado polo Goberno” denuncia Antón Otero, delegado sindical de UGT de Unisono Vigo.
“Onte (luns) a Delegada territorial de UNISONO de Vigo 3 mandou para casa a unha traballadora con febre e tos que levaba unha semán en presencia dos traballadores e cando a RTL (representación legal dos traballadores) fumos a preguntar, a Delegada negouno todo e hoxe saeu a noticia” asegura Otero. que engade que “a empresa non reune á RTL es está tomando medidas unilateralmente e negando todo.”
Sobre as medidas que vai a tomar UGT sinalan que non van a agardar a que o Comité de Seguridade e Saúde laboral (sindicatos CGT e CIG) actúen de oficio. “Nós imos a chamar a Sanidade, Policía e Inspección de Traballo”.
“A lei de prevención de riscos laborais é clara, e o Comité de Seguridade e Saúde Laboral , ante un caso de risco inminente, podería ter o centro de traballo segundo o artigo 21.”
Críticas de CC.OO.
Este mesmo luns Comisións Obreiras denunciou ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social o feito de que os empregados de Bosch e Unísono traballen nas súas sedes de Vigo “sen que se aplicaron medidas especiais” para evitar a propagación do Covid-19.
Así o trasladou nun comunicado no que indicou que solicitou á inspección que transmita a estas empresas “as pautas de actuación a seguir” para que se poida actuar “coa máxima dilixencia posible” nos centros de chamadas se se confirma algún caso de contaxio por coronavirus.
Ademais, a central explicou que se dirixiu á Inspección de Traballo debido a que os empregados destas empresas “comparten espazos moi próximos”.