Aínda que o mundo siga xirando, aínda que o seu entorno vaia cambiando, elas sempre prevalecen, alí, ao pé da súa casa, esperando por aquel que pare en busca dunha atención cálida e dun produto de calidade. Son mulleres que levan toda unha vida ao coidado das súas casas e da súa horta. Cada mañá, preparan un postiño de madeira con mel e grelos recén recollidos que colocan fronte á súa casa e ao carón da estrada N-550, que xunta A Coruña e Tui.
Alí sentan, coa paciencia que lles dá a experiencia, e esperan. De vez en cando, algún dos coches ou dos camións que pasan fugaces pola estrada detense fronte a elas. ‘Quería un feixe de grelos… A canto van?‘. Aí comeza todo un negocio que leva décadas en pé e que leva décadas sendo sustento das familias. Un negocio que manexan elas, protexidas do frío do inverno con xerseis gordos e mandiles a cadros. De gañarse a vida, saben ben. Fixeron da N-550, dende Deixebre e ata a entrada de Ordes, un espazo non só para a economía, senón tamén onde tecer unhas relacións sociais duradeiras.
Hai anos houbo moitas máis vendedoras de grelos das que hai na actualidade, coinciden en dicir. Agora, as que persisten cóntanse cos dedos das dúas mans, pero aínda así, a pé de asfalto, a un lado e mais a outro da estrada e con ben anos enriba, estas mulleres alí se manteñen. Foron quen de converter unha estrada convencional en algo que a sacou do seu convencionalismo. Foron quen de dotala de identidade propia.
Podes ler a reportaxe completa en Galicia Confidencial.