O xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Vigo declarou nulo de pleno dereito o decreto de servizos mínimos aprobado polo goberno local da cidade olívica tras a convocatoria de folga indefinida dos bombeiros, por considerar que non se motivou e porque, ademais, eses servizos mínimos coinciden cos ordinarios, o que “baleira de contido” o exercicio dun dereito fundamental como é a folga.
Segundo se recolle na sentenza, tras a convocatoria da folga indefinida en agosto pasado por parte dos sindicatos CUT e CIG (que denuncian falta de persoal, imposición de horas extras e anulación de descansos), os xefes de servizo de bombeiros e de Seguridade propuxeron como servizos mínimos a presenza diaria do xefe de servizo en funcións e de 20 efectivos (13 no parque de Teis e 7 no de Balaídos).
Esta proposta foi aprobada na Mesa de Negociación Xeral, a pesar da oposición dos sindicatos e o 9 de agosto ditouse decreto por parte da Alcaldía no que se establecían eses servizos mínimos.
O xuíz indicou na súa resolución que, aínda que non é indispensable que haxa unha negociación co comité de folga, si que debe “motivarse” a resolución que establece os servizos mínimos, xa que “debe buscarse o xusto equilibrio entre a protección do interese da comunidade e a restrición imposta ao exercicio do dereito de folga”.
Nesa motivación, incide a sentenza, deben incluírse os factores ou criterios cuxa ponderación conduciu a determinar as prestacións mínimas establecidas” e, no caso do decreto dos servizos mínimos dos bombeiros de Vigo, “faise patente a ausencia total e absoluta de motivación”.
“BALEIRA DE CONTIDO O DEREITO DE FOLGA”
Por outra banda, o maxistrado tamén fai constar que os servizos mínimos decretados polo Concello correspóndense “xusto co servizo ordinario” establecido nun decreto de Xunta de Goberno de maio de 2010. “Isto é: como servizos míninos determináronse os que, de seu, son ordinarios”, apunta o xuíz.
A ese respecto, a sentenza faise eco doutra resolución do TSXG, que “resulta de plena aplicación” neste caso, para determinar que “unha xornada de folga non pode converterse precisamente na xustificación dese cento por cento, pois esta porcentaxe baleira de contido o dereito de folga” e, así, “o que se pretende é que este servizo se preste da forma habitual”.