InicioSociedadeNove meses de loita das traballadoras das residencias DomusVi contra a "vulneración"...

Nove meses de loita das traballadoras das residencias DomusVi contra a “vulneración” dos seus dereitos

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os traballadores das residencias para persoas maiores do Grupo DomusVi volveron concentrarse, por noveno mes consecutivo, ante a sede da firma líder dos servizos xeriátricos en España, para denunciar a “sistemática vulneración dos dereitos laborais dos traballadores”. A concentración foi convocada polo colectivo Trega ( Traballadores de Residencias de Galicia), e conta co apoio das dúas asociacións de familiares de usuarios de residencias máis activas de Galicia: ASFAREBA (Vigo) e Vellez Digna (O Morrazo).

“O grupo empresarial DomusVi incumpre e vulnera de forma sistemática o convenio colectivo en vigor do sector de residencias privadas da terceira idade de Galicia”, aseguran os protestantes, que din que a empesa “se aproveita dunha forma mesquiña das precarias condicións que rodean nestes últimos anos as economías española e galega, en xeral, e ás traballadoras e traballadores das residencias de maiores, en particular”.

DomusVi é líder do sector de servizos xeriátricos en España e en Galicia, e é propiedade de fondos capitalistas de Inglaterra e Francia. En Galicia posúe ou xestiona 30 residencias para persoas maiores, 13 na provincia da Coruña, 6 en Pontevedra e en Ourense, e 5 en Lugo. A capacidade de cada unha destas residencias rolda as 150 prazas, e cada un dos usuarios paga polos servizos asistenciais e residenciais uns 2.000 euros mensuais. Na provincia de Pontevedra, as residencias de DomusVi sitúanse en Vigo (3), Ribadumia, Lalín e Aldán-Cangas. As tres residencias de Vigo están situadas en Bembrive, Barreiro e Montecelo-Teis.

O persoal (mulleres na súa maioría) “soporta un trato case esclavista imposto pola empresa” que se traduce no “abusivo incumprimento da xornada anual, excedéndose con fartura o cómputo máximo de 1.776 horas traballadas que regula o convenio colectivo en vigor”, denuncian.

Tamén din que se incumpren os contratos e as funcións das categorías profesionais; que non se compensan os festivos traballados e que se impoñen quendas de traballo “devastadoras” de ata 10 xornadas de traballo consecutivas, sen descanso, cando o convenio marca claramente que “os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal dun día e medio (36 horas) sen interrupción”.

Estas “condicións de abuso”, engaden, “tamén conlevan unha presión daniña sobre a saúde física e psíquica das traballadoras, o que fragua un índice de baixas, temporais e de longa duración, altísimo”.

Para os protestantes, DomusVi é “o paradigma do boiante e expansivo negocio do sector residencial e asistencial para persoas maiores en mans de poderosas multinacionais ou grupos de ‘capital investimento’, e nunha sociedade envellecida como a galega (ou a española)”.

Pero, agregan, “mentres os beneficios empresariais crecen, os usuarios e usuarias, a maior parte deles anciáns con enfermidades ou trastornos físicos e/ou psíquicos graves, “enfróntanse a unha deterioración paulatina do servizo asistencial que reciben, resultado dos recortes no número de persoal que vén producindo no sector e das precarias condicións laborais que redundan nunha atención deficiente ás persoas maiores”.

ÚLTIMAS

Un SMS falso acaba nunha estafa de 140.000 euros. Así é a estafa intervida pola Garda Civil no Porriño

O Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da...

O persoal do lixo de Vigo convoca folga indefinida a partir do 24 de maio

O comité de persoal de FCC (CIG, CC.OO. e USO), concesionaria do servizo de...

Profesorado do IES Castelao de Vigo denuncian “censura” da Xunta nunha exposición sobre Begoña Caamaño

Un grupo de profesores do IES Castelao de Vigo, que resultou gañador do Concurso-Exposición...

A CIG convoca dúas novas xornadas de folga no comercio do metal de Pontevedra

A Confederación Intersindical Galega (CIG) informou de que decidiu promover dúas novas xornadas de...