InicioSociedadeValeixe súmase á lista de aldeas que quedan sen médico: "A poboación...

Valeixe súmase á lista de aldeas que quedan sen médico: “A poboación está desatendida”

"Os veciños teñen que solicitar vez para as receitas no PAC da Cañiza, pero alí están sobresaturados", critica o farmacéutico da aldea, Laureano García. As quendas de agarda estanse alongando demasiado e a veciñanza acorda adiantos de medicación coas farmacias locais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

As parroquias do rural galego quedan sen persoal médico. Xa non son poucas as que se erguen contra as políticas centralizadoras da Xunta de Galicia, e a esta loita vén de sumarse agora a aldea Valeixe (A Cañiza). Segundo conta o farmacéutico do lugar, Laureano García, esta parroquia, unha das maiores do concello, sempre contou cun consultorio médico que atendía as necesidades da veciñanza.

Mais a situación tornou cando o profesional que tiña a praza en propiedade xubilouse. Daquela, mandaron un substituto, pero non durou moito. No verán pasado xa só baixaba uns días determinados á semana, e cando colleu vacacións, esa praza quedou deserta ata o día de hoxe. Así pois, levan sen médico dende o mes de outubro, e polo de agora, a praza de Valeixe non a sacaron a concurso. “Segundo din non hai médicos para cubrir as prazas”, conta Laureano García.

“A poboación está desatendida”, reivindica. Non só a de Valeixe, senón tamén a de Luneda ou a de Crecente, que no total suman en torno a 700 persoas. “Os veciños teñen que solicitar vez para as receitas no PAC da Cañiza, pero alí están sobresaturados”. Segundo indica, neste centro médico veñen de contratar outra persoa para cubrir as receitas da tarde, pero só dous días á semana. “Chama a xente e danlle vez para dentro dunha semana ou de dez días”, relata.

As farmacias locais están cubrindo a deficiencia do servizo fiando a medicación e engrosando a súa débeda.

As quendas de agarda, xa que logo, estanse prolongando meses. Esta situación provoca, á súa vez, que a veciñanza acorde coas farmacias locais un adianto da medicación, causando débedas nos establecementos.

En suma, a atención médica vólvese precaria e as dificultades da veciñanza do rural para acceder a unha sanidade pública de calidade son cada vez maiores. “O 70% da poboación de Valeixe son persoas maiores, moitas delas non teñen medios de desprazamento, as comunicacións son difíciles… Moitos terían que pedir taxi para ir ao médico“, critica o farmacéutico.

“Ten que desprazarse unha parroquia enteira a un centro mentres que se puxeran aquí un médico como houbo toda a vida, sería máis cómodo para a xente”.

Os veciños de Valeixe teñen claro que seguirán loitando por uns servizos dignos, acordes coas súas necesidades. Isto tamén vai de manter vivo o rural e as súas comunidades.

Recolla  de sinaturas.

Os veciños iniciaron una recolla de sinaturas de apoio para solicitar á xerencia de atención primaria, dependente da Xunta de Galicia, atención médica diaria no consultorio médico de Valeixe.

Os interesados en asinar a petición poden facelo no mesmo consultorio médico de Valeixe, na farmacia Laureano Fernández de Valeixe, residencia nosa señora do Rosario de Valeixe, floristería Santa Cristina Valeixe, supermercado Loli Valeixe, taxi Gabino Lago, Concello da Cañiza, farmacia Sonia Mera, residencia santa Teresa da Cañiza e o Pincho da Avoa.

ÚLTIMAS

O Goberno vigués insiste en que Xunta e Deputación tamén axuden a financiar voos en Peinador

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, por oitava vez no que...

O Goberno defende baixar a velocidade na A-55 pola alta siniestralidade: “A todos nos debería parecer ben”

O subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, xustificou este luns as...

Detido un conductor tras morrer outro nunha suposta pelexa por un accidente de tráfico na A-55, en Mos

Un home de 54 anos perdeu a vida na tarde deste pasado domingo en...

Caballero levará de novo ao pleno a proposta para que Xunta e Deputación financien voos desde Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Goberno municipal volverá presentar unha...