InicioSociedadeO xuízo polo asasinato de Ana Enjamio encara a súa recta final...

O xuízo polo asasinato de Ana Enjamio encara a súa recta final cos últimos peritos e a deliberación do xurado

O acusado, César A.O., enfróntase a penas que oscilan entre 27 e 39 anos de prisión.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xuízo polo asasinato da moza enxeñeira Ana Enjamio, ocorrido en Vigo na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016, encara a súa recta final a próxima semana, coa declaración dos últimos peritos e a presentación de conclusións e informes finais.

Así, xusto cando se cumprirán tres anos do crime, este martes, renovarase a vista con tribunal popular que xulgará a César A.O., procesado polos delitos de asasinato, acoso e vulneración da intimidade, e para quen as acusacións solicitan penas que oscilan entre os 27 e os 39 anos de cárcere.

Unha vez que se escoite a estes últimos especialistas, e que se confirmen ou modifiquen as conclusións, as partes presentarán, xa o mércores, os seus informes finais e tratarán de convencer ao xurado da culpabilidade ou, no seu caso, inocencia do acusado (o seu avogado defensor pediu a libre absolución, ao entender que non hai indicios obxectivos que o incriminen).

A partir dese momento, o xurado que conforma o tribunal (5 homes e 4 mulleres) recibirá as instrucións e comezará a deliberación para conformar o obxecto de veredicto. Nese documento deberán determinar que feitos consideran probados ou non probados, e argumentalo con arranxo á proba practicada na vista.

O xuízo por este crime comezou o pasado 9 de decembro e, ao longo das últimas xornadas, prestaron declaración, ademais do acusado, decenas de testemuñas e peritos, así como familiares da vítima.

DECLARACIÓNS

César A.O. negou ante o tribunal matar a Ana, e relatou que despois da cea de empresa na que ambos coincidiron, marchou á súa casa. Á mañá seguinte, cando a Policía o citou en Comisaría e acudiu a declarar, quedou “en shock” ao coñecer a noticia da morte da nova, coa que mantiña unha “relación clandestina”, segundo o seu relato.

Por contra, varios compañeiros de traballo de ambos explicaron que o acusado estaba “obsesionado” con Ana, que insistía para renovar a relación que deixaran, que a seguía e controlaba, e que chegou dicir que, se non estaba con el, tampouco estaría con Samuel (o exmozo de Ana co que ela retomara a relación).

Ademais, varios peritos de Policía Científica e do Instituto Nacional de Toxicoloxía confirmaron que se acharon restos de sangue da moza no coche do acusado, e que tamén se atoparon restos biolóxicos de César na roupa que Ana vestía cando foi asasinada.

A moza faleceu desangrada tras recibir case unha trintena de coiteladas (cunha arma branca dun só fío e unha folla de polo menos 11 centímetros de lonxitude), das que varias lle atravesaron o corazón. Segundo as forenses que declararon ante o tribunal, o autor destes feitos “quería asegurarse o resultado de morte”, posto que unha soa desas coiteladas no corazón sería suficiente para causar o falecemento da moza.

ÚLTIMAS

Caballero levará de novo ao pleno a proposta para que Xunta e Deputación financien voos desde Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Goberno municipal volverá presentar unha...

Flor Baena reclama ao Concello de Vigo unha homenaxe oficial ao seu irmán Xosé Humberto

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena Alonso, reclamou ao Concello de Vigo...

A viguesa Vanessa Glemsel compite este sábado polo Premio Nacional de Poesía Viva

A poeta viguesa Vanessa Ferreira Rodríguez, coñecida artisticamente como Vanessa Glemsel, participará este sábado na...

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...