InicioSociedadeO centro de Vigo prepárase para recibir miles de persoas na inauguración...

O centro de Vigo prepárase para recibir miles de persoas na inauguración da iluminación do Nadal “máis espectacular”

Este domingo porase en marcha a gran nora e o mercadillo da Alameda, con 50 canóns de neve artificial

PUBLICADO O

- Advertisement -

A falta dun só día para dar o ‘pistoletazo de saída’ á campaña de Nadal en Vigo, coa inauguración oficial da iluminación “máis espectacular”, as rúas da cidade xa están preparadas para recibir miles de persoas que se esperan para as próximas horas e para as próximas semanas.

Este sábado, ás 20,30 horas, terá lugar o aceso das luces, nun acto en Porta do Sol, diante do abeto luminoso de 35 metros de alto instalado polo Concello. Ademais, este sábado tamén quedará oficialmente acendida a rúa Progreso, con ornamentación e iluminación especial, relativa á película de Disney ‘Frozen II’.

A instalación dos miles de motivos luminosos da cidade iniciouse xa a principios de outubro e, este ano, segundo anunciou hai semanas o rexedor, Vigo terá “10 millóns de luces led” instaladas en 334 rúas, con 2.700 arcos de luz, 465 árbores iluminadas e decenas de motivos ornamentais a pé de rúa.

Así, ademais da luz e a música, a rúa do Príncipe e as adxacentes volverán converterse nun escenario de ilusión, grazas á instalación de atraccións como a casa de Papá Noel, figuras de varios personaxes de conto, a casiña do tobogán, un enorme globo, o tren infantil, o carrusel e outros elementos decorativos.

Por outra banda, o Concello repetirá outros elementos lumínicos que tiveron gran éxito en anos anteriores, como o boneco de neve xigante (este ano estará ao principio de Rosalía de Castro), a caixa de agasallo xigante (en Gran Vía con Lepanto) ou a bóla xigante (á entrada de Príncipe por Urzáiz), todos eles “transitables polo seu interior”.

NORA E MERCADO

Ao atractivo das luces de Nadal sumaranse outros elementos como a nora xigante, a principal e máis rechamante novidade deste ano, situada en Concepción Areal. Esta instalación, de máis de 60 metros de altura, e con capacidade para 192 persoas (en 48 ‘cestas’), será inaugurada na tarde do domingo, e conta con case 200.000 puntos led e unha gran pantalla circular no seu centro.

Tamén, a partir do domingo, os visitantes poderán gozar dun mercado do Nadal na Praza de Compostela, onde se instalaron varios postos de produtos de artesanía, agasallos e gastronomía “de tempada”.

Ademais, esa alameda foi o lugar elixido este ano para que “neve” en Vigo, xa que haberá 50 canóns de neve artificial que simularán este fenómeno.

A cidade ofrecerá nas próximas semanas outros moitos alicientes, como paseos no bus turístico para gozar da iluminación por diferentes rúas, o belén monumental na Casa das Artes (do 25 de novembro ao 7 de xaneiro) ou o poboado do Nadal na casa Galega da Cultura, gozar de varias pistas de xeo e mesmo a posibilidade de retratarse ante un ‘photocall’ alusivo ao Nadal de Vigo (colocouse un en Urzáiz e outro á beira da Praza da Pedra).

Todo se completará cun programa de actividades musicais e lúdicas, como a actuación da Coral Casablanca (dentro da árbore de Porta do Sol), diferentes concertos de música sacra, unha ‘papanoelada’ moteira, o desfile de rondallas ou un ‘flashmob’. Así mesmo, como cada ano, a Praza de América acollerá a gran festa de Fin de Ano, e o 5 de xaneiro, a Cabagalta dos Reis Meigos.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...